Presentación
|
O CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, como punto de referencia para a educación ambiental na comunidade galega, quere potenciar e difundir actitudes, comportamentos e prácticas sociais que axuden a acadar a sustentabilidade ambiental na nosa sociedade. Con diferentes actividades de carácter formativo, divulgativo e informativo pretende chegar a un amplo abano de destinatarios entre os que se encontran a comunidade escolar. Entre as súas liñas prioritarias de traballo atópase a posta en valor do patrimonio natural galego e a concienciación sobre a necesidade de protexelo e conservalo. Deste xeito xurde o I Congreso de Educación Ambiental “Defendamos o noso Patrimonio Natural”, co fin de despertar a sensibilidade ambiental entre os máis novos. O CEIDA, co patrocinio da Deputación da Coruña, organizou este congreso o 10 de maio do 2007 no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera (Oleiros). Como todas as liñas novas de traballo que se inician precisan dun tempo para o seu asentamento, durante esta primeira edición foron 9 proxectos e 8 centros participantes pero, tanto a natureza dos proxectos presentados como o esforzo e o entusiasmo do alumnado, levaron a manter esta liña de traballo en vindeiros anos. |
|
|