Obxectivos
|
Galicia ten un rico patrimonio natural que os escolares galegos descobren a cotío. O patrimonio natural galego está fortemente ameazado hoxe en día por diferentes actividades e comportamentos da sociedade. O turismo, a contaminación, a sobreexplotación de recursos naturais ou a especulación urbanística son algunhas das ameazas que poñen en perigo o noso entorno. Algunhas delas son recollidas polos medios de comunicación e teñen gran repercusión na opinión pública, pero outras quedan agochadas no ámbito local, ignoradas por gran parte dos cidadáns. Cómpre comezar a asentar as bases dunha nova conciencia ambiental máis crítica e respectuosa co medio que nos rodea, disposta a darlle voz a todas estas agresións que está a sufrir o patrimonio natural galego, e esta é unha tarefa que poden e deben asumir os centros educativos, comunidades nas que se atopan valores fundamentais, nenos e nenas que serán os piares das sociedades futuras. Con este obxectivo, o CEIDA organizou este I Congreso Escolar coa intención de promover entre os centros educativos o desenvolvemento de experiencias de conservación e divulgación do patrimonio, pór en contacto ás diferentes comunidades escolares que estean a traballar nese eido, e dar a coñecer as iniciativas e proxectos desenvolvidos nun marco de encontro escolar no que o alumnado, principal protagonista, fai a través da súa voz a divulgación dos traballos. Apoiando o importante papel destes centros na defensa do medio natural, o congreso converteuse nun espazo de participación e debate, abrindo así unha nova vía de comunciación e colaboración entre eles e o CEIDA. |
|
|