Castelo de Santa Cruz | CEIDA

Castelo de Santa Cruz

O Castelo de Santa Cruz é un dos símbolos do Concello de Oleiros. Está enclavado nun illote da ría da Coruña ao cal se accede por unha pasarela peonil de madeira. Foi declarado Ben de Interese Cultural polo seu alto interese histórico, o que xunto a súa beleza natural e paisaxística, fan deste lugar unha paraxe extraordinaria chea de maxia e historia.

A illa conta ao seu arredor cun paseo litoral dende o que se pode desfrutar dunhas magníficas e inmellorables vistas da cidade herculina, así como de Santa Cruz e do seu pequeno porto, que aínda que hoxe en día o número de mariñeiros é moi reducido, foi un dos máis importantes de Oleiros entre os séculos XVI a XVIII.

Nos arredores de Santa Cruz hai tamén outros puntos de interese que paga a pena ser visitados como o Monumento Natural "Costa de Dexo-Serantes", a praia de Santa Cristina ou o pequeno Porto de Lorbé.

Vista aérea do Castelo de Santa Cruz

Vista aérea do Castelo de Santa Cruz e o seu contorno

Se queres vistar o castelo podes obter información aquí.

Historia

Os ataques navais levaron á construción da fortaleza de Santa Cruz

Sir Francis Drake O ataque da Armada inglesa, baixo o mando de Sir Francis Drake no 1589, puxo de manifesto a necesidade de afianzar o sistema defensivo do porto da Coruña. O Castelo de San Antón, único baluarte de defensa do porto da Coruña, non foi suficiente para deter a incursión dos ingleses.
Así, a finais do S. XVI e baixo as directrices do xeneral Diego das Mariñas, comézase a construír un novo forte defensivo enclavado na illa de Santa Cruz, enfronte da cidade da Coruña. En 1640 remátanse as defensas desta fortaleza que estaba dotada con distintas pezas de artillería, entre as que destacaba un potente cañón denominado "Barraco".
O sistema defensivo da Coruña, formado polos Castelos de San Antón e Santa Cruz, foi completado coa construción dun terceiro, o Castelo de San Diego, e por outras pequenas baterías. Có cese das invasións navais no S. XVIII o castelo de Santa Cruz quedou abandonado.

Ataque á bahía coruñesa

Ataque franco-holandes de 1906

A familia Quiroga-Pardo Bazán transformou a ruinosa fortaleza nun magnífico pazo

Emilia Pardo BazánA época de abandono da illa de Santa Cruz remata no S. XIX ao ser mercada, en subasta pública, por Xosé Quiroga, marido de Emilia Pardo Bazán, que mandou construír un pequeno pazo, no cal el e a súa familia pasaban o verán. O edificio principal estaba formado por dous torreóns unidos por unha parte central, que en etapas posteriores foi ampliado.
O refraneiro di "capilla, palomar y ciprés pazo es", e o Castelo de Santa Cruz presenta todos estes elementos.
O pazo albergaba no seu interior unha pequena capela. Hoxe en día o seu artesonado é o único elemento interior que se conserva desta época.
Tamén conta cun peculiar pombal, posiblemente o único subterráneo en Galicia, que na actualidade é o fogar de numerosas pombas mensaxeiras, despois de moitos anos en desuso.
O Castelo de Santa Cruz tamén conta cun pequeno pero fermoso xardín, con árbores senlleiras que na súa maioría enraizaron moi lonxe da súa terra de orixe.

Imaxes do castelo e o entorno

Imaxes do teito da capela, o pazo e o xardín exótico do castelo

Milleiros de orfos da guerra civil veranearon no Castelo de Santa Cruz

O Castelo de Santa Cruz foi herdado por Blanca Quiroga, filla de Emilia Pardo Bazán, e o seu marido o xeneral José Cavalcanti. No 1939 Blanca doa o pazo da súa familia á arma de cabaleiría co fin de que se adique a casa de colonias dos orfos de guerra.

Orfos do exército no Castelo de Santa Cruz

Orfos do exército no Castelo de Santa Cruz

Ata o ano 1978 esta antiga fortaleza albergou durante os veráns a milleiros de orfos do exército. que acudían ao Castelo de Santa Cruz a recuperar un pouco de saúde e esquecer os longos invernos nos colexios. Tras este período a illa quedou novamente abandonada.

O compromiso ambiental do concello de Oleiros marcou o destino deste castelo

Oleiros, pola súa situación próxima á Coruña, e as caraterísticas da súa costa, chea de pequenas e acolledoras praias, foi centro de intereses inmobiliarios e o Castelo, polo seu enclave privilexiado e o seu estado de abandono, foi foco destes intereses, ata que finalmente, en 1989, o concello mercouno cun obxectivo claro: que toda a cidadanía puidese gozar do edificio máis emblemático do seu territorio e se convertese no Centro de Referencia da Educacion Ambiental de Galicia.
Pero o logro dese fin non foi doado e fixeron falla varios anos, e aunar os intereses de tres institucións con fortes compromisos en medio ambiente (Consellería de Medio Ambiente, Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros) para que no ano 2001 comezase a súa andaina o proxecto do actual CEIDA.

Imaxe do castelo no 1906

Imaxe do castelo no 1906

Como sede do CEIDA, o Castelo de Santa Cruz acolle actividades de formación e divulgativas, de cooperación, exposicións, etc. e tamén alberga o Centro de Documentación Domingo Quiroga, especializado en temática ambiental.

Máis información

  • Exposición A través do tempo: Os 400 anos do Castelo de Santa Cruz.
  • Paneis informativos da Illa
  • El CEIDA, centro de referencia - Castelán
    El CEIDA, centro de referencia - Inglés
    A Illa de Santa Cruz, observatorio privilexiado de aves - Castelán
    A Illa de Santa Cruz, observatorio privilexiado de aves - Inglés
    Mesa paisaxe - Castelán
    Mesa paisaxe - Inglés