CEIDA | CEIDA

CEIDA

O CEIDA -Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido. É froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, o Concello de Oleiros e a Universidade da Coruña para coordinar, dinamizar e promover a Educación Ambiental en Galicia.

Os ámbitos de traballo do CEIDA abranguen as seguintes áreas temáticas:

  • Conservación
  • Medio mariño
  • Cambio climático
  • Concellos
  • Cooperación
  • Forestal
  • Turismo

Obxectivos

  • Favorecer, como centro de referencia, a colaboración entre os demais equipamentos para a educación ambiental (aulas da natureza, granxas escola, centro de visitantes, parques etnográficos e arqueolóxicos, ...).
  • Proporcionar, como centro de formación, os medios axeitados para a capacitación de técnicos en medio ambiente, do profesorado e doutros grupos sociais interesados pola educación ambiental.
  • Mostrar, como centro de interpretación, a interacción dos diversos elementos que interactúan sobre a natureza para propiciar a utilización racional dos recursos cara un uso sustentábel.
  • Facilitar, a través do centro de documentación, a difusión de todo tipo de material formativo, educativo e divulgativo relacionado co Medio Ambiente e Educación Ambiental.
  • Fomentar, como centro de divulgación, o coñecemento dos valores e dos problemas ambientais actuais, co fin de sensibilizar e xerar unha conciencia crítica.

Áreas de traballo

O CEIDA conta con tres áreas de traballo: formación e capacitación, educación e divulgación e o centro de documentación ambiental "Domingo Quiroga".

Educación e Divulgación

O CEIDA desenvolve programas anuais de educación ambiental, dirixidos á comunidade educativa e a todo tipo de colectivos. Complementa a súa oferta divulgativa coa produción de exposicións monográficas itinerantes, conferencias e a elaboración de publicacións de carácter científico ou técnico. Así mesmo o centro acolle ao longo do ano diversas exposicións nas salas destinadas para ese fin. Actúa tamén como punto de encontro e de cooperación entre as diferentes administracións, colectivos e axentes que traballan pola sustentabilidade dende cadansúas competencias e enfoques, aplicando a participación como un proceso e praxe necesaria para a procura de solucións aos problemas ambientais. Podes obter máis información sobre a área de Educación e Divulgación aquí.

Formación

O CEIDA promove a formación e capacitación ambiental, tentando respostar ás necesidades de profesionais e xestores así como a demanda de coñecemento da cidadanía cada vez mais preocupada pola protección do noso medio. Organiza cursos, congresos e seminarios de formación inicial ou continua centrados principalmente en conservación e educación ambiental. Podes obter máis información sobre a área de Formación aquí.

Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga

Oferta a todos os interesados un servizo de procura e acceso á mais recente información sobre a realidade ambiental a través de monografías, publicacións periódicas, recursos audiovisuais e electrónicos, cartografía, etc. Este catálogo, único en Galicia, está especializado en Educación Ambiental, Conservación e Sustentabilidade. Podes obter máis información sobre o Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga aquí.