Domingo Quiroga | CEIDA

Domingo Quiroga

O Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga lembra a figura de Don Domingo Quiroga Ríos (1900-1992), o cal tivo un papel sobranceiro na defensa dos recursos naturais e do medio ambiente de Galicia. Foi o primeiro presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), asumindo dito cargo aos 74 anos de idade.

Retrato de Don Domingo Quiroga Ríos
Retrato de Don Domingo Quiroga Ríos

Contribuíu a chamar a atención sobre os perigos da enerxía nuclear e dunha industrialización non respetuosa co medio ambiente. Grazas á súa intervención, e á de outras persoas coa suficiente lucidez que tiñan que intervir na cuestión pública, Galicia puido liberarse nos anos 70 de aturar unha central nuclear ou novas fábricas de pasta de papel, das cales o impacto ambiental era xa evidente na ría de Pontevedra.

Domingo Quiroga foi funcionario vinculado a temas pesqueiros durante a República. Nomeado en 1955 Oficial de Pesquerías pola FAO, 2 anos despois foi trasladado ó Esquema de Integración Centroamericana, con residencia no Salvador, e en 1958, tamén pola FAO, foi enviado ao Instituto Nacional de Pesca de Cuba.
Dende 1961 ata 1965 permaneceu, igualmente enviado pola FAO, no Intituto Nacional de Pesca de Ecuador. En 1983 foille concedida a medalla ao mérito social marítimo do Instituto Social da Mariña.

Co-fundador da Asociación de Armadores da Coruña na posguerra, e especialista en temas pesqueiros pola FAO, contribuíu á posta en valor dos recursos pesqueiros de América Latina, traballando durante 10 anos en Ecuador, El Salvador e Cuba.

Escritor habitual en La Voz de Galicia dende a columna titulada "Panes y Peces", chamou a atención sobre a necesidade de preservar a integridade ambiental da nosa costa, defendendo a pesca e os pescadores artesanais fronte á actividade pesqueira intensiva.

A súa obra

En 1920 comezou as súas colaboracións en La Voz de Galicia, que, con algúns paréntesis, mantivo ata finais da década dos 80. Entre 1920 e 1930 permaneceu en EEUU, México e Cuba, traballando como redactor da revista El Eco de Galicia e de El Heraldo de Galicia e como colaborador de El País, e publicou El mito del Hispanoamericanismo (1927).

Ó seu regreso a Galicia (1930) reanudou os seus traballos na prensa (El Noroeste) e escribiu os folletos de carácter político: Quién es y a dónde va Santiago Casares e Una nueva política gallega. A súa obra Padre Maestro (1954) foi galardonada co premio "Valle Inclán", otorgado polo Centro Gallego de Buenos Aires. Tamén lle foi concedido o premio "Fernández Latorre" de La Voz de Galicia e "Daniel Calzado" da Real Academia Galega (1977).

Quiroga Ríos adicou gran parte da súa labor como publicista á pesca marítima, particularmente á galega, e entre outros traballos publicou: La pesca de arrastre en Galicia y sus problemas (1961); La pesca de la merluza con nudo gordiano (1968); Algunhas reflexións encol da economía pesqueira galega (1969), etc.