Co patrocinio da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, o CEIDA convoca a I Xornada sobre Iniciativas de Recuperación e Divulgación do Patrimonio Marítimo Galego, enmarcada dentro dunha das súas liñas prioritarias de actuación: a conservación e a posta en valor do medio mariño e litoral.
Nunha comunidade como Galicia, vinculada histórica, social, cultural e economicamente ao mar, están presentes unha gran variedade de "axentes sociais" que traballan pola revalorización do patrimonio marítimo dende as súas múltiples manifestacións naturais, históricas ou culturais.
Máis de 45 iniciativas manifestaron o seu interese en participar, e para fomentar o diálogo e intercambio de opinións entre as mesmas, optouse por deseñar unhas xornadas con tres propostas para a participación: un foro, unha feira de experiencias e mesas de traballo temáticas.
O foro de experiencias
O relatorio inaugural foi a cargo de Luís Rei, fundador do Colectivo Etnográfico Mascato e director da revista Ardentía. Dende unha perspectiva histórica describiu a riqueza do mar galego nas súas múltiples manifestacións. Serviu esta intervención como revulsivo e punto de encontro de iniciativas e intereses tan dispares como os que representaban os distintos colectivos: o mundo dos mitos, da cultura oral, da pesca e o marisqueo, da navegación, da arquitectura e o urbanismo, da conservación.
Ao longo do día interviñeron representantes de 13 iniciativas. Foron escollidas de maneira que o foro resultase unha mostra representativa da heteroxeneidade do sector, tanto por ámbito do patrimonio marítimo no que desenvolven o seu traballo, como pola súa procedencia xeográfica ou o tipo de colectivo do que se trata. É destacable a variedade de agrupacións, entre as que podemos destacar a confrarías de pescadores e mariscadoras con proxectos de turismo alternativo, a directores e investigadores de institucións e museos do mar, tamén novedosas iniciativas empresariais, así como músicos e escritores, educadores ambientais de espacios naturais protexidos, grupos ecoloxistas ou colectivos etnográficos e estudiosos de hidrotoponimia.
A feira de experiencias
En paralelo ao foro, desenvolveuse a feira de experiencias. Trátase dunha mostra simultánea de información e materiais aberta a todos aqueles organismos interesados en expoñer o seu traballo e traxectoria. Concibiuse como un espacio de divulgación, unha oportunidade de expresión para aquelas iniciativas que por razóns de tempo non puideron participar no foro, e como un lugar de intercambio de información, contactos e materiais editados.
En total 23 colectivos expuxeron os materiais de diversa índole, que con embarcacións tradicionais, exposicións propias, pósteres, folletos, dossieres, fotografías, material didáctico o DVDs lograron crear un espacio que se converteu nun inmellorable marco onde transcorrían os intercambios e pausas do foro, fomentando os intercambios de opinión e coñecemento mutuo, convertendo á feira nun verdadeiro lugar de encontro e comunicación.
Mesas de traballo temáticas
A demanda de participación na convocatoria das mesas de traballo foi moi alta, o que puxo en evidencia a necesidade de contar con espacios de debate, onde teñan voz os distintos sectores, grupos e experiencias. Esta é quizais unha das conclusións máis evidentes do encontro, outras son as seguintes:
Resultados
As primeiras acciones que resultaron deste encontro son a publicación das actas destas xornadas que aspira a ser una ferramenta útil de futuro como referente onde figuren as iniciativas comprometidas coa conservación do patrimonio marítimo, e o compromiso do CEIDA de apoiar accións formativas atendendo ás necesidades e demandas do sector.
En definitiva, o CEIDA iniciou un proceso participativo e de consulta para coñecer a problemática que rodea ao mundo do mar dende os sectores máis activos e comprometidos. Tratase dunha experiencia que dende a educación ambiental pretende xuntar intereses, demandas e solucións emanadas dende dentro e a avaliación final da Xornada pon de manifesto que era necesario realizar unha experiencia deste tipo; o CEIDA conseguiu aglutinar o traballo individual de moitos con unha meta en común: a defensa do patrimonio marítimo.