Congreso de Educación Ambiental dos Centros de Ensino da Provincia de Ourense | CEIDA

Congreso de Educación Ambiental dos Centros de Ensino da Provincia de Ourense

O cambio climático é hoxe o maior reto ao que se enfronta a nosa sociedade, e os seus efectos xa están confirmando a máis dura das previsións tanto a nivel global como local. En Galicia xa se poden constatar os seus efectos a través do cambio nos réximes de precipitación e xeadas, aumento da frecuencia de valores extremos na temperatura, períodos de seca, etc. En todos eles, a provincia de Ourense maniféstase como especialmente sensible.

O I Congreso de Educación Ambiental dos centros de ensino de Ourense “O Cambio Climático dende a escola” quere converterse nun lugar de encontro e escaparate daquelas experiencias que xa están en marcha nos centros escolares da provincia ou daqueloutras que poidan xurdir neste curso e que teñan como eixo central a educación e sensibilización sobre cambio climático dende calquera das súas múltiples ópticas: sustentabilidade nos centros educativos, enerxía e aforro enerxético, consumo, auga, bosques, etc...

Este congreso terá como relatores aos verdadeiros protagonistas das iniciativas seleccionadas, o alumnado, que as desenvolverá coordinado polo seu profesorado. Terán así a oportunidade de compartir a súa experiencia contada por eles mesmos, que quedará despois recollida nunha publicación en formato electrónico.

Para apoiar o traballo do profesorado e alumnado comprometido con estes proxectos, o CEIDA e a Deputación de Ourense proporcionarán asesoramento técnico aos centros que o soliciten, amais que poderán solicitar unha axuda económica para o desenvolvemento dos traballos de ata 500 € máximo.

CENTROS SELECCIONADOS NESTA I EDICIÓN
Dez foron os proxectos seleccionados para está 1º edición, que terá lugar o 9 de xuño de 2011 no Centro Cultural da Deputación de Ourense (Rúa progreso nº 30).

  • Pensa globalmente e actúa localmente do CEIP Saco e Arce (Toén)
  • A Expociencia do CPR Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar)
  • Como actuamos dende o CPI Antonio Faílde contra o Cambio Climático do CPI Antonio Faílde (Coles )
  • Revista escolar sobre cambio climático do CPR María Auxiliadora (Ourense)
  • Deixa de mirar. Frea o cambio do IES Carlos Casares (Viana do Bolo)
  • Plantando árbores despois da desfeita do lume intencionado do IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia)
  • Educación científica e desenvolvemento sostible do IES Otero Pedraio (Ourense)
  • Ecoauditoría: Aforro de enerxía no IES Lagoa de Antelado IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia)
  • Aproveitamos a enerxía que consumimos? do IES Aquis Querquernis (Bande)
  • O IES enerxéticamente autónomo do IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia)
  • Congreso escolar e Instituto Jane Goodall
    Grazas á colaboración do Instituto Jane Goodall, os centros participantes pasarán a constituírse como un grupo Roots & Shoots e poderán compartir ideas e traballar en rede con outros grupos de máis de 100 países.

    DOCUMENTOS
    Bases