Dentro das necesidades da sociedade actual, o respecto e a conservación do patrimonio segue a ser unha materia pendente. As voces das comunidades educativas, identificadas no alumnado como actores transmisores, seguen a ser a mellor referencia dos movementos que se están a desenvolver para a difusión desa nova conciencia ambiental, que nace no xerme dos protagonistas das sociedades futuras.
Dende o ano 2007 o CEIDA, co patrocinio da Deputación da Coruña, organiza anualmente o Congreso de Educación Ambiental dos centros de ensino da Coruña, baixo o título “Espazos para conservar. Defendamos o noso patrimonio natural”.
O obxectivo fundamental é brindar aos centros de ensino da provincia un espazo de intercambio e punto de encontro. O congreso permite a participación e o debate así como a divulgación de todas aquelas experiencias que xa están en marcha nos diferentes centros educativos e daqueloutras que poidan xurdir e que teñan como obxectivo a conservación e a posta en valor do patrimonio natural galego. É o escenario no que, os protagonistas indiscutibles deste congreso, os rapaces e rapazas participantes, intercambian e contrastan as experiencias nas que traballaron ao longo do curso e convértense nos portavoces da realidade ambiental do seu ámbito máis próximo.
IV Congreso de educación ambiental dos centros de ensino da Coruña