IV Congreso de educación ambiental dos centros de ensino da Coruña | CEIDA

IV Congreso de educación ambiental dos centros de ensino da Coruña

Dentro do marco do Ano Internacional da Diversidade Biolóxica e da iniciativa Conta Atrás 2010, o CEIDA organizou a cuarta edición do Congreso de Educación Ambiental dos centros de ensino da Coruña “Espazos para conservar. Defendamos o noso patrimonio natural”, no que participaron 5 centros de ensino e contou con 87 participantes. Un ano máis foi patrocinado pola Deputación da Coruña e contou coa colaboración da Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña, o Concello de Oleiros, o Instituto Jane Goodall e os Centros Comerciais Haley.
O escenario escollido para a celebración do congreso o 27 de maio de 2010 foi o Castelo de Santa Cruz, sede do CEIDA. A xornada arrancou co acto inaugural, que contou coa presenza do Excmo. e Magnífico Sr. D. José María Barja Pérez - Reitor da Universidade da Coruña, D. Ángel García Seoane - Alcalde do Concello de Oleiros, D. Federico Bogdanowicz - Director executivo do Instituto Jane Goodall España e D. Carlos Vales Vázquez - Director do CEIDA.

Durante a xornada matinal os cinco centros participantes expuxeron os proxectos de posta en valor do patrimonio natural galego desenvolvidos ao longo do curso 2009-2010. Complementaron as súas presentacións orais coa elaboración de diversos materiais (cartaces, fotografías, maquetas,...) que se mostraron nas salas de exposición do Castelo de Santa Cruz.

Trala exposición oral dos traballos, Federico Bogdanowicz explicou aos asistentes as liñas de traballo do Instituto Jane Goodall (IJG) e os programas que esta entidade esta a desenvolver en España. Os centros participantes recibiron das mans do director executivo do IJG España o certificado que os acredita como membros do programa Roots & Shoots e que lles permitira compartir ideas e traballar en rede con outros grupos de máis de 100 países. Tralo xantar, celebrado nos xardíns do Castelo, proxectouse o documental sobre a problemática do coltán “Sangue no móbil ” que foi comentado por Federico Bogdanowicz.

Para rematar a xornada os rapaces e rapazas participantes puideron desfrutar do Monumento Natural Costa de Dexo - Serantes a través dun pequeno roteiro e da visita a Aula do Mar, centro de visitantes deste espazo natural protexido.

PROXECTOS PARTICIPANTES

  • Anfibios: de príncipes a mendigos - CPI Os Dices (Rois)
    Con este proxecto pretendeuse que o alumnado reparase e se interesase polo mundo dos anfibios, un conxunto de especies habituais ao noso redor pero que en xeral pasan desapercibidos, polo que aínda seguen a ser os grandes descoñecidos. O que se pretendeu foi afacer ao alumnado a observar a biodiversidade que os rodea, e coñecer os lugares de maior interese para os anfibios e as razóns de por qué están en declive. Para elo fixéronse numerosas saídas en busca dos lugares propicios para o desenvolvemento desta especie, información que a maiores se complementou coa recompilación de material bibliográfico e diversas enquisas á xente do lugar. Con todo este material realizouse un vídeo documental e un traballo para a revista escolar do centro educativo para concienciar aos seus/súas compañeiros/as acerca dos problemas dos anfibios.
  • Kminho, o valor natural do Camiño de Santiago no Concello de Arzúa - IES de Arzúa (Arzúa)
    Aproveitando que o ano 2010 é ano Xacobeo, e que o Camiño, tan coñecido a nivel mundial, asóciase sempre a valores espirituais, emocionais e culturais; quérese potenciar o seu valor natural. Así que este proxecto consistiu nun traballo que pretende conservar e poñer en valor o Camiño de Santiago en xeral, e en particular, o percorrido do Camiño francés. O que se trataba de facer cos rapaces era de analizar o medio físico e natural e as repercusións das actividades humanas sobre el, divulgar os espazos naturais de Arzúa sobre todo, e en xeral, analizar os datos de toda información aprendida acerca do Camiño. Para elo, os alumnos puxéronse en contacto coa poboación local, fixeron saídas de campo, realizaron buscas bibliográficas... e integraron e difundiron toda esta información a través da elaboración dunha maqueta e dun dossier, que tamén expuxeron no seu centro.
  • Touriñán: onde nace o vento - IES Maximino Romero de Lema (Baio – Zas)
    Os alumnos e alumnas deste instituto pretenden achegar á xente un espazo natural costeiro, o Cabo Touriñán (Muxía), o cal está xa declarado LIC (Lugar de interese comunitario) e ZEPA ( Zona de Especial Protección para as Aves). O proxecto baseouse en dar a coñecer e apreciar o noso patrimonio natural, valorar os impactos ambientais negativos, e de concienciar á xente para preservar a riqueza natural mediante un desenvolvemento sustentable, e evitar así a construcción dunha piscifactoría nos arredores de Cabo Touriñán. Para levar a cabo este proxecto traballaron con cartografía e información sobre a zona; buscaron datos na prensa e internet acerca das malas actuacións levadas a cabo nos últimos anos, e fixeron saídas de campo para visitar a zona de estudo. O resultado foi a elaboración dun vídeo, que se proxectou a maiores no centro para o resto do alumnado.
  • Conservación da ría do Burgo - IES Neira Vilas (Oleiros)
    Tendo en conta que nos últimos anos este Centro realizou estudos na ría do Burgo sobre a diversidade ornitolóxica, o seu aproveitamento marisqueiro e furtivismo, rexeneración, xestión de residuos na ría,...; consideraron necesario a maiores realizar un estudo sobre o seu estado de conservación, que demostre a necesidade da creación dun espazo protexido. Esto, unido a que a ría do Burgo, ten unha gran diversidade e abundancia de aves, fai necesaria a súa protección para establecer medidas correctoras e protectoras adecuadas que diminúan o impacto sobre o hábitat. Con este fin o alumnado aprendeu a identificar e avaliar impactos ambientais, elaborar medidas de conservación e observar e distinguir diferentes especies de aves. Para isto, fixeron varias visitas a ría, procuraron bibliografía, elaboraron cartas dirixidas a diferentes xornais para que colaborasen con eles na busca de información, recolleron e analizaron mostras de augas... e publicaron o seu traballo a través de actividades, fotografías e vídeos que colgaron na páxina web do Centro. Tamén se elaborou unha exposición sobre a avifauna da Ría do Burgo.
  • Moito máis ca pedras! - IES Agra de Leborís (A Laracha)
    Para acabar coa idea equivocada de que as pedras son elementos inertes e teñen unicamente valor económico, os/as rapaces/as da Laracha móstrannos co seu traballo, que as rochas dan vida os pobos, que delas depende as características dos solos, a presenza da auga, e en xeral o desenvolvemento dos ecosistemas. Así o alumnado aprende a valorar as rochas como patrimonio natural e cultural, a aprecialas e dalas a coñecer, e con todo elo amosar ao resto a comarca onde viven. As actividades levadas acabo empezaron cunha aclaración de conceptos básicos, para ir pouco a pouco afondando máis na materia; tratouse o tema do coltán e das explotacións mineiras, fixeron itinerarios guiados, analizaron mostras nos laboratorios... que deu como resultado unha maqueta sobre o val do Anllóns sobre a que se situaron os puntos de interese natural e os de impacto ambiental.
  • Programa
  • Bases