Programa actual | CEIDA

Programa actual

A illa de Santa Cruz, un rico patrimonio natural e histórico

Datas
De xaneiro a xuño 2010

Destinatarios
Centros de Primaria, Secundaria e Bacharelato de toda Galicia

Formulario
Se queres participar debes cubrir o formulario de solicitude

Nº máximo de participantes
50 rapaces

Duración da visita
De 1:30 a 2.30 horas

Custe da actividade
1€ por participante

As actividades a realizar dependerán da climatoloxía, das mareas, do nº de participantes e da dispoñibilidade de tempo do grupo. Os contidos adaptaranse as idades dos participantes.

A Illa de Santa Cruz conta cun rico patrimonio natural e cultural froito principalmente da súa ubicación, un illote no interior da ría da Coruña.
No contorno da Illa atópase un ecosistema de enorme riqueza propio das zonas litorais, que xunto coa súa situación estratéxica constitúe un marco incomparable que permite traballar coa comunidade escolar temáticas como: as características físicas e ecolóxicas da Ría da Coruña, a influencia das marea na ecoloxía litoral, a biodiversidade da Ría, as especies invasoras do litoral galego e as estratexias de erradicación, ou os impactos ambientais no entorno da Illa e da Ría, entre outros moitos temas.
Este rico patrimonio natural combínase coa peculiar historia do Castelo de Santa Cruz, que a longo de catro séculos, foi e é un baluarte de “defensa”: defensa da cidade da Coruña dos ataques navais dos corsarios ingleses; defensa da cultura a través da escritora Emilia Pardo Bazán, propietaria da illa; defensa das persoas e da integridade humana como casa de colonias de nenos e nenas orfos da guerra civil; e defensa do medio ambiente como centro de Educación Ambiental (CEIDA).

Con motivo da declaración do 2010 como Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, o CEIDA desenvolverá un programa de actividades na Illa de Santa Cruz, no que se conxuga arte, divulgación científica e sensibilización ambiental. O obxectivo principal destas actividades é divulgar entre a comunidade escolar a importancia da biodiversidade, así como as ameazas ás que se ve exposta. Preténdese que o alumnado aprenda a valorala e adopte comportamentos positivos cara a súa conservación e uso sustentable.

Actividades a desenvolver

Ir á páxina do programa

Visitas ao CEIDA

O CEIDA oferta a centros especializados, asociacións e outros colectivos dúas actividades para dar a coñecer a súa sede, o Castelo de Santa Cruz, e as actividades que desenvolve.

Para participar é preciso cubrir o formulario de solicitude indicando a actividade.

  • Os 400 anos do Castelo de Santa Cruz
    A posta en valor e coñecemento deste edificio e o seu entorno é tamén un dos obxectivos do CEIDA, motivo polo cal se ofrece esta actividade de contido histórico.
  • Coñece o CEIDA
    O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia é o Centro de Referencia da Educación Ambiental en Galicia. Por iso ábrenselle as portas a tódolos colectivos interesados en coñecer as liñas de traballo, a oferta de actividades ou as nosas instalacións.

O custo por actividade é de 1 € por participante.

O horario destas actividades é de luns a sábado de 10 a 14 e de 16 a 19 horas.

Ir á páxina do programa

O mar e a costa, recursos valiosos para todos

Datas
Durante todo o ano

Destinatarios
Educación Primaria e Secundaria. Bacharelato e Ciclos Formativos.
Asociacións e outros colectivos.

Formulario
Se queres participar debes cubrir o formulario de solicitude

Introdución
Nas últimas décadas a costa galega está sufrindo unha gran presión que ameaza con destruír os seus valores e as súas riquezas naturais.
O urbanismo agresivo, os vertidos incontrolados, a sobreexplotación dos recursos, a destrucción de hábitats... poñendo en perigo a impresionante riqueza biolóxica que albergan as nosas costas.
Pero aínda así, a costa galega ten un interese natural moi destacado, con moitos espazos litorais e mariños de alto valor ecolóxico que compre protexer de xeito especial. 28 espazos naturais costeiros foron obxecto de protección legal, algúns son ben coñecidos como o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, ou a Costa da Morte.
Un deles é a Costa de Dexo, situado no Concello de Oleiros,e declarado Monumento Natural no ano 2000. Representa un lugar de grande importancia ecolóxica, tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe.

Obxectivos

  • Xeral
    Dar a coñecer os valores naturais e culturais da nosa costa para que os participantes adopten actitudes e comportamentos positivos cara a súa conservación e uso sustentable.
  • Específicos
    • Analizar as problemáticas ambientais da beiramar galega, a súa causalidade, efectos e axentes involucrados, entendendo a súa complexidade.
    • Ser conscientes dos valores naturais e culturais que se agochan na nosa beiramar e en concreto no Monumento Natural Costa de Dexo Serantes.
    • Descubrir as potencialidades que para un desenvolvemento local sustentable ten a declaración dun espazo protexido, recoñecendo e defendendo as súas limitacións de uso, como necesarias para a conservación e como potenciais para o desenvolvemento dunha nova relación co medio mais respectuosa e sostible.

Contidos

  • Espazos Naturais Protexidos
    • Rede Natura 2000
    • Rede Galega de Espazos Protexidos
    • Áreas Mariñas Protexidas
    • Oportunidades destes Espazos
  • Amenazas e impactos do Litoral Galego e dos Espazos Naturais Protexidos
  • Monumento Natural Costa de Dexo –Serantes
    • Valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos
    • Aproveitamentos tradicionais, actuais do Monumento Natural. Outros aproveitamentos que permitan o uso sustentable do Monumento Natural e en xeral dos espazos naturais

Os contidos da actividade adaptaranse as idades dos participantes

Actividades
Custe das actividades: 1€/participante
Horario: de luns a sábado de 10 a 14 e de 16 a 19 horas.

  • Aula do Mar dos Faros de Mera
    A Aula do Mar • Centro de recepción de Visitantes converteuse hoxe na entrada case obrigada ao Monumento Natural Costa de Dexo- Serantes. A antiga vivenda do fareiro alberga unha exposición de paneis e proxeccións audiovisuais que nos aportan unha visión global dos valores naturais, patrimoniais, económicos e paisaxísticos da costa galega.
    • Duración: 1 hora
    • Número máx. de participantes: 25
  • Roteiros no Monumento Natural Costa de Dexo- Serantes
    Enclave protexido onde se pode observar a entrada ás rías do golfo Ártabro: A Coruña, Ares-Betanzos e Ferrol, e lugar onde gozar da paisaxe que nos ofrecen os cantís, mostra inequívoca da bravura do noso mar.
    • Duración: 2 hora e media
    • Número máx. de participantes: 50
  • Aula + Roteiro
    Combinación das dúas actividades. Para grupos de máis de 25 persoas, dividirase en dous subgrupos e realizaran por separado as actividades.
    • Duración: 3 h – 3 h e 30’
    • Número máx. de participantes: 50

Ir á páxina do programa

Congreso de educación ambiental dos centros de ensino da Coruña

Dentro das necesidades da sociedade actual, o respecto e a conservación do patrimonio segue a ser unha materia pendente. As voces das comunidades educativas, identificadas no alumnado como actores transmisores, seguen a ser a mellor referencia dos movementos que se están a desenvolver para a difusión desa nova conciencia ambiental, que nace no xerme dos protagonistas das sociedades futuras.

Dende o ano 2007 o CEIDA, co patrocinio da Deputación da Coruña, organiza anualmente o Congreso de Educación Ambiental dos centros de ensino da Coruña, baixo o título “Espazos para conservar. Defendamos o noso patrimonio natural”.

O obxectivo fundamental é brindar aos centros de ensino da provincia un espazo de intercambio e punto de encontro. O congreso permite a participación e o debate así como a divulgación de todas aquelas experiencias que xa están en marcha nos diferentes centros educativos e daqueloutras que poidan xurdir e que teñan como obxectivo a conservación e a posta en valor do patrimonio natural galego. É o escenario no que, os protagonistas indiscutibles deste congreso, os rapaces e rapazas participantes, intercambian e contrastan as experiencias nas que traballaron ao longo do curso e convértense nos portavoces da realidade ambiental do seu ámbito máis próximo.

Ir á páxina do programa