Campañas de Sensibilización sobre Residuos Urbáns e Industriais no Consorcio das Mariñas.
Forma parte xa dos sons que nos acompañan nos soños e na vixilia. Xa case non podemos, ou se cadra non queremos, imaxinar a nosa sociedade sen que o camión do lixo faga desaparecer cada noite o que nós, ao longo do día, decidimos que xa non ten outro uso posíbel, que é pois un residuo. Así tódolos días, aparta das nosas vistas toneladas de materiais que desaparecen coa axuda do noso silencio que nunca pregunta onde van parar.
Os residuos tanto urbáns como industriais son hoxe unha grave ameaza para o medio ambiente, un problema económico e de xestión para os concellos e algo cotiá para os cidadáns e cidadás, que se converten nos verdadeiros protagonistas anónimos de calquera plan de residuos.
É neste punto, na participación cidadá, onde se encadra a campaña de sensibilización levada a cabo polo CEIDA en colaboración con TECMED (empresa concesionaria da recollida do lixo) entre decembro do 2003 e xullo do 2004, no marco da comarca das Mariñas. A colaboración entre estas dúas entidades fixo posíbel o desenvolvemento desta iniciativa, levada a cabo por un equipo de educación ambiental do CEIDA, e un conductor de TECMED.
Tivo dúas fases diferenciadas: unha primeira campaña de sensibilización sobre residuos urbáns, Separa para reciclar, e outra sobre residuos industriais levada a cabo nos polígonos e zonas industriais do Consorcio.
O equipo que realizou o programa elaborou o informe "Separa para reciclar" que está dispoñible en formato PDF nesta páxina. Nel se describe a metodoloxía do traballo levado a cabo e os resultados obtidos tanto para a campaña de residuos urbáns como para a campaña de residuos industriais.
Descargar o informe do programa Separa para reciclar.