Cursos de condución eficiente | CEIDA

Cursos de condución eficiente

  • Organiza: Consellería de Innovación e Industria, Inega, Faepac, IDAE - Ministerio de Industria, Turismo y Comercio e CEIDA

Descrición
A condución eficiente consiste en aplicar unha serie de técnicas para reducir o consumo de combustible e a contaminación ambiental, ademais de conseguir aumentar a seguridade viaria e o confort a bordo. Segundo datos facilitados polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) os españois aforrarían un 15% anual en combustible cunha condución máis económica sen diminuír a velocidade media.

O obxectivo destes cursos é realizar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios.

Profesorado
O curso contará con monitores/as expertos/as que explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. O alumnado terá a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois da sesión teórica.

Estrutura
O curso realízase nunha única sesión cunha duración aproximada de 2 horas, sendo a estrutura do curso a seguinte:
• Quenda de condución normal por cada alumno/a
• Sesión teórica
• Quenda de condución por parte de cada alumno/a, aplicando as técnicas de condución eficiente
• Exposición de resultados das quendas

Para a realización das prácticas porase a disposición dos alumnos/as un vehículo con medición de consumo. O número de alumnos por vehículo será como máximo de catro. As roldas de condución serán realizadas por cada un dos catro alumnos do grupo.

O curso levarase a cabo nun percorrido que conte coa maior parte dos elementos representativos da circulación (cruzamentos,rotondas, vías de dobre sentido, pendentes en subida e en baixada, etc.) e nas que a aplicación dunha ou outra técnica achegan diferenzas en consumo.

A os asistentes entregaráselle un Manual de condución eficiente, así como un diploma acreditativo da participación no curso.

Requisitos
Contar cun mínimo de 8 persoas que dispoñan de carné de conducir tipo B e sexan condutores habituais. O día do curso os alumnos terán que levar orixinal e fotocopia do carné de conducir. Para a execución dos cursos, os concellos inscritos só deberán de facilitar un espazo para o desenvolvemento da parte teórica, así como recoller as inscricións individuais, para o que a organización facilitará ao concello, modelos de carteis de divulgación e de fichas de inscrición individuais.

Custe
Cursos totalmente gratuítos para o concello e os participantes financiado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) con fondos do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).

Horario e datas
Os cursos impartiranse nunha única sesión de dúas horas, en horarios de mañá e/ou tarde, que se fixarán de común acordo entre o concello e a organización do curso, en función do calendario da campaña e dispoñibilidade do profesorado e recursos.

Descargas
Cartel

Inscrición
PRAZAS DISPOÑIBLES SÓ PARA A PROVINCIA DA CORUÑA.
Os concellos que desexen participar nesta convocatoria, deberán cumprimentar e reenviar ao CEIDA as correpondentes fichas de inscrición.