• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

III Congreso de Educación Ambiental dos Centros de Ensino da Coruña

Vostede está aquí

Data
xoves, 28 Maio, 2009
Lugar

Paraninfo da Universidade da Coruña

Organiza

CEIDA

Colabora
  • Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Xunta de Galicia
  • Universidade da Coruña
  • Concellaría de Cultura do Concello da Coruña
  • Museos Científicos Coruñeses
  • Haley
  • Foto Artús
Patrocina

Deputación da Coruña

Dirixido a

Centros educativos da provincia da Coruña

Descrición

O CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, como punto de referencia para a educación ambiental na comunidade galega, quere potenciar e difundir actitudes, comportamentos e prácticas sociais que axuden a acadar a sustentabilidade ambiental na nosa sociedade. Con diferentes actividades de carácter formativo, divulgativo e informativo pretende chegar a un amplo abano de destinatarios entre os que se encontran a comunidade escolar.

Entre as súas liñas prioritarias de traballo atópase a posta en valor do patrimonio natural galego e a concienciación sobre a necesidade de protexelo e conservalo. Deste xeito xurde o III Congreso de Educación Ambiental “Espazos para Conservar. Defendamos o noso Patrimonio Natural”, co fin de despertar a sensibilidade ambiental entre os máis novos, e que se celebrou o 28 de maio de 2009 no Paraninfo da Universidade da Coruña con cinco centros participantes.

A xornada arrancou co acto inaugural, que contou coa presenza do Excmo. e Magnífico Sr. D. José María Barja Pérez - Reitor da Universidade da Coruña, Dna. Mª Xosé Bravo San José - Concelleira Delegada de Cultura e Museos Científicos do Concello da Coruña, D. Carlos Gonzalo Muñoz Martínez - Xefe de servizo de Conservación da Natureza da Coruña da Consellería do Medio Rural, Dna. Iria Rodríguez - Dpto. de Marketing de GADISA e D. Carlos Vales Vázquez - Director do CEIDA.

O contacontos Anxo Moure dinamizou a xornada matinal, onde os 147 rapaces e rapazas dos cinco centros da provincia da Coruña participantes expuxeron os proxectos de posta en valor do patrimonio natural galego desenvolvidos ao longo do curso académico 2008-2009. Complementaron as súas presentacións orais coa elaboración de diversos materiais (cartaces, fotografías, maquetas,...) que se mostraron na entrada do Paraninfo. Tralo xantar, os rapaces e rapazas participantes visitaron o Aquarium Finisterrae e participaron nun obradoiro de observación ornitolóxica.

Este III Congreso enmarcouse á súa vez no I Congreso Internacional Natureza e Imaxe, cuxas principais actividades leváronse acabo entre os días 27 e 31 de maio de 2009, e entre as que se incluíron un obradoiro de fotografía e un de introdución á ilustración, unha exhibición de cetrería, un ciclo de proxeccións de audiovisuais e unha serie de exposicións fotográficas que se puideron visitar durante o mes de xuño nas salas de mostras dalgúns dos concellos da comarca da Coruña.

 

Centros participantes
  • Galicia baixo a Terra.- CPI Os Dices (Rois)

O obxectivo deste proxecto foi achegar ao alumnado a un patrimonio escasamente coñecido do noso territorio: o mundo das covas, para que coñeceran a súa biodiversidade e que son fonte de recursos culturais e de lecer. Trala recompilación de información sobre as covas galegas, visitaron varias delas: cova do Pico en Boqueixón, a cova da Auga na Serra do Caurel, a cova de Pala de Silverto no Parque Natural Serra Enciña da Lastra e varias minas de auga do concello de Rois. Con todo este material os alumnos realizaron un vídeo documental e unha exposición fotográfica que expuxeron por todas as aulas do centro co fin de concienciar ao alumnado no respecto deste tipo de patrimonio natural galego.

 

  • Auga, saúde, cultura ... Ourense.- IES de Pastoriza (Arteixo)

O proxecto consistiu na posta en valor tanto do patrimonio cultural como natural da cidade de Ourense. Para o desenvolvemento desta actividade os alumnos de terceiro e cuarto da ESO levaron a cabo unha recollida de información bibliográfica, asistiron a charlas impartidas por persoal especializado sobre temática ambiental e cultural e realizaron saídas co fin de avaliar a intervención do home en espazos naturais e a súa implicación coa perda de diversidade (en concreto na Fraga de Sisalde, como exemplo de bosque típico de ribeira). Esta información serviu para a presentación de diversos materiais: fichas coas características das árbores de ribeira, e unha presentación na que se recolleron diferentes valores patrimoniais da cidade de Ourense.

 

  • Ruta dos ríos.- IES Maximino Romero de Lema (Baio – Zas)

O alumnado deste instituto puxo en valor un espazo moi preto do centro escolar que é descoñecido pola meirande parte do alumnado e da poboación local en xeral. O proxecto baseouse na elaboración dunha ruta de sendeirismo polas beiras do río Grande de Zas para estudar os valores naturais e etnográficos do seu contorno.
Para comezar traballaron coa cartografía e información que recompilaron sobre a zona de estudo e localizaron os lugares de maior interese medioambiental tras varias saídas de campo. Entre eles atópanse lugares coma a Carballeira de Baio, anta de Pedra Vixía, o Pazo de Daneiro e Torres do Alto. Posteriormente fixeron o deseño da ruta definitiva que representaron nun panel de madeira colocándoo no inicio da ruta en Pedra Vixía, e sinalizárona adecuadamente.

 

  • Unha ollada ao Anllóns desde A Laracha.- IES Agra de Leborís (A Laracha)

Un ano máis os alumnos de A Laracha participaron no Congreso, esta vez cun proxecto relacionado coa conservación do río Anllóns ao seu paso por A Laracha. A diferencia do curso medio e baixo do río, incluído dentro da Rede Natura como ZEPVN e o esteiro, comprendido no LIC “Costa da Morte”, a zona alta está exposta a múltiples ameazas: vertidos urbanos e agrícolas, talas de árbores de ribeira, introdución de especies invasoras, ... Polo que dende o IES Agra de Leborís levouse a cabo un estudio sobre a evolución da paisaxe relacionada co Anllóns ao longo do tempo e as consecuencias das interaccións da actividade humana nestes ecosistemas de ribeira como xeito de sensibilización e para promover a conservación dos recursos naturais entre a comunidade educativa.

 

  • Roteiros de biodiversidade polo esteiro do Anllóns.- IES de Ponteceso (Ponteceso)

O esteiro do río Anllóns, na ría de Corme-Laxe, no concello de Ponteceso, é un espazo natural cunha importante riqueza paisaxística e ecolóxica. O alumnado do IES de Ponteceso, baixo o lema de “coidase o que se coñece” considera imprescindible dar a coñecer os valores do contorno á poboación que nel habita para poder conservalo. Centráronse nun pequeno grupo de aves, anátidas e limícolas, coa intención de dar continuidade ao proxecto en próximos anos.
Nunha primeira etapa prepararon roteiros en función da presencia das aves elixidas para o estudo e elaboraron paneis informativos sobre ditas aves para nunha etapa posterior colocalos pola beira do esteiro Anllóns. Nunha segunda fase realizaron roteiros ao longo do esteiro para que a poboación de Ponteceso poida observar a súa biodiversidade. Paralelamente, o alumnado participou en charlas sobre as aves do Anllóns e presentaron talleres de observación ornitolóxica na semana cultural.

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio