• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Historia

Vostede está aquí

Os ataques navais levaron á construción da fortaleza de Santa Cruz

O ataque da Armada inglesa, baixo o mando de Sir Francis Drake no 1589, puxo de manifesto a necesidade de afianzar o sistema defensivo do porto da Coruña. O Castelo de San Antón, único baluarte de defensa do porto da Coruña, non foi suficiente para deter a incursión dos ingleses.

Así, a finais do S. XVI e baixo as directrices do xeneral Diego das Mariñas, comézase a construír un novo forte defensivo enclavado na illa de Santa Cruz, enfronte da cidade da Coruña. En 1640 remátanse as defensas desta fortaleza que estaba dotada con distintas pezas de artillería, entre as que destacaba un potente cañón denominado "Barraco".
O sistema defensivo da Coruña, formado polos Castelos de San Antón e Santa Cruz, foi completado coa construción dun terceiro, o Castelo de San Diego, e por outras pequenas baterías. Có cese das invasións navais no S. XVIII o castelo de Santa Cruz quedou abandonado.
 

Drake   Ataque   
Sir. Francis Drake y el ataque a la ciudad de A Coruña

 

A familia Quiroga-Pardo Bazán transformou a ruinosa fortaleza nun magnífico pazo

A época de abandono da illa de Santa Cruz remata no S. XIX ao ser mercada, en subasta pública, por Xosé Quiroga, marido da escritora Emilia Pardo Bazán, que mandou construír un pequeno pazo, no cal el e a súa familia pasaban o verán. O edificio principal estaba formado por dous torreóns unidos por unha parte central, que en etapas posteriores foi ampliado.

O refraneiro di "capela, palomar e ciprés pazo é", e o Castelo de Santa Cruz presenta todos estes elementos.
O pazo albergaba no seu interior unha pequena capela. Hoxe en día o seu artesonado é o único elemento interior que se conserva desta época. Tamén conta cun peculiar pombal, posiblemente o único subterráneo en Galicia, que na actualidade é o fogar de numerosas pombas mensaxeiras, despois de moitos anos en desuso. O Castelo de Santa Cruz tamén conta cun pequeno pero fermoso xardín, con árbores senlleiras que na súa maioría enraizaron moi lonxe da súa terra de orixe.

Pardo Bazán      
O Castelo na época de Emilia Pardo Bazán

 

Milleiros de orfos da guerra civil veranearon no Castelo de Santa Cruz

O Castelo de Santa Cruz foi herdado por Blanca Quiroga, filla de Emilia Pardo Bazán, e o seu marido o xeneral José Cavalcanti. No 1939 Blanca doa o pazo da súa familia á arma de cabaleiría co fin de que se adique a casa de colonias dos orfos de Guerra Civil.

Ata o ano 1978 esta antiga fortaleza albergou durante os veráns a milleiros de orfos do exército que acudían ao Castelo de Santa Cruz a recuperar un pouco de saúde e esquecer os longos invernos nos colexios. Tras este período a illa quedou novamente abandonada.

 

Castelo      
Orfos do exército no Castelo de Santa Cruz

 

O compromiso ambiental do concello de Oleiros marcou o destino deste castelo

Oleiros, pola súa situación próxima á Coruña e as caraterísticas da súa costa, chea de pequenas e acolledoras praias, foi centro de intereses inmobiliarios, e o Castelo, polo seu enclave privilexiado e o seu estado de abandono, foi tamén foco destes intereses, ata que en 1989, o concello mercouno cun obxectivo claro: que toda a cidadanía puidese gozar do edificio máis emblemático do seu territorio e se convertese no Centro de Referencia da Educacion Ambiental de Galicia.

Pero o logro dese fin non foi doado e fixeron falta varios anos, aunando os intereses de tres institucións con fortes compromisos en medio ambiente, a  Xunta de Galicia,  a  Universidade da Coruña  e o  Concello de Oleiros.  No ano 2001 comeza a súa andaina o proxecto do actual CEIDA.

 


O CEIDA como centro de referencia para a educación ambiental en Galicia

Materiais complementarios

 

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas