• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

O CEIDA recibe en doazón a colección privada do ecólogo e botánico Jenaro Dalda

Vostede está aquí

O CEIDA recibe en doazon a colección privada de Jenaro Dalda

O CEIDA recibe en doazón a colección privada do ecólogo e botánico Jenaro Dalda

O CEIDA acaba de poñer a disposición de toda a cidadanía galega a colección privada de Jenaro Dalda González, botánico e ecólogo de gran relevancia no noso país, xa que foi dos poucos investigadores da época que contribuíu ao estudo e coñecemento da ecoloxía galega con numerosos artigos e publicacións. Os fondos , doados pola súa familia a este centro de referencia en educación ambiental, foron catalogados e incorporados ao catálogo da súa Biblioteca e Centro de Documentación Ambiental, único servizo de documentación especializado en medio ambiente aberto a toda a cidadanía que existe en Galicia e que forma parte de  RECIDA  (Rede de Centros de Información e Documentación Ambiental do estado español).

A colección de Jenaro Dalda, aínda que non é moi salientable polo seu volume, sí o é pola relevancia das obras que nela se recollen. Por unha banda, os traballos do propio Dalda, moitos deles de carácter único (estudos, traballos de investigación…) xunto a outros publicados en revistas ou boletíns da época. Entre eles, cabe destacar a súa tese doutoural, presentada no ano 69 na Universidade Complutense de Madrid, e centrada no estudo ecolóxico, fitosociolóxico e florístico da cunca alta do río Mandeo, á que lle acompaña un fermoso herbario. Desta parte da colección é tamén importante nomear o estudo fitoecolóxico que Dalda realizou a finais dos anos 60 sobre a lagoa de Valdoviño, publicado na revista ‘Botánica Complutensis’, que aporta unha grande cantidade de datos e permite seguir a evolución do sistema lagoa-areal que os cambios e a intervención humana introduciron na súa ecoloxía. Este estudo aínda ten un extraordinario valor hoxe en día, e empregouse de referencia para a elaboración dos estudos actuais e a redacción dos plans de conservación deste espazo natural.

A segunda parte da biblioteca de Dalda consta principalmente de libros de finais do século XIX e principios do XX. Entre eles é importante mencionar a obra do botánico Baltasar Merino, do ano 1905, homenaxeado este 2017 no Día da Ciencia pola Real Academia Galega das Ciencias; ou o considerado primeiro catálogo de flora española, publicado en latín por dous botánicos (o austríaco Willkomm e o danés Lange), e publicada nos Países Baixos, que inclúe detalladas descricións, ilustracións e claves dos diferentes xéneros de flora do territorio.

D. Jenaro Dalda González naceu en Aranda del Duero (Burgos) e criouse en Roblegordo, lugar onde destinaron ao seu pai que era veterinario militar, e Madrid, onde estudou Ciencias Biolóxicas. Ao rematar a carreira, comezou a traballar como funcionario no ICONA (antigo Instituto Nacional de Conservación da Natureza) e foi destinado a A Coruña, un extraño no corpo de Enxeñeiros de Montes, mentres preparaba a súa cátedra de Ecoloxía. Tamén foi profesor do instituto feminino da Coruña.

Dalda foi aficionado á pesca fluvial e responsable e articulista de paraxes como a Lagoa de Valdoviño, antes mencionada, a Lagoa de Doniños, do Río Sor, o Eo ou o Mandeo, entre outros. Tamén foi fotógrafo profesional, organizando e presidindo a Sociedade Fotográfica da Coruña, onde realizou as reportaxes fotográficas das obras da Diputación Provincial.

Aínda que a maior parte dos fondos doados e custodiados agora polo Centro de Documentación do CEIDA non están dispoñibles para préstamo, sí é posible consultalos na súa sede. Pode consultar a listaxe completa de documentos a través do  catálogo en liña.

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Ultimas Novidades

Suscríbete ás nosas novas