Instituto Jane Goodall | CEIDA

Instituto Jane Goodall

Instituto Jane Goodall

A primatóloga e naturalista inglesa de prestixio mundial Jane Goodall fundou en 1977 o instituto ao que lle dá nome, á raíz de que, e tras investigar os chimpancés dende os anos 60, se dese conta de que o seu obxecto de estudo se extinguía. Pero Goodall decatouse de que non é posible protexer as especies animais en perigo de extinción sen conservar os ecosistemas, sen dar alternativas ás poboacións humanas dos arredores e sen informar aos países máis desenvolvidos sobre como consumir de forma responsable e xusta para o medio e as persoas. Dende ese momento a primatóloga viaxa 300 días ao ano difundindo unha mensaxe de esperanza entre mozos e adultos, no que destacan o respecto cara aos animais, tanto salvaxes coma domésticos, a protección do medio e a paz e a tolerancia entre os humanos.

Na actualidade, o Instituto Jane Goodall, implantado en 30 países do mundo, está levando a cabo diferentes programas nas súas catro liñas de traballo entre os que se engloban proxectos de investigación e conservación en África, destacando o Parque Nacional de Gombe en Tanzania, o centro de recuperación e reserva de Tchimpounga (República do Congo), o santuario de Ngamba Island en Uganda, e outros en Guinea, Senegal, Gabón e Sudáfrica. En todos eles trabállase baixo o modelo de conservación centrado nas comunidades, que apodera institucións e poboación local para xestionar os proxectos.

Mobilízate pola selva

Na actualidade, a taxa de reciclaxe de móbiles é inferior ao 5%. En España existen máis de 52 millóns de liñas de teléfonos móbiles. A este número hai que engadir aqueles móbiles máis antigos que se cambian e os cidadáns gardan ou tiran ao lixo.
A explotación do mineral coltán que fai posible a tecnoloxía dos móbiles, ordenadores e consolas está no centro dos conflitos bélicos que producen centos de miles de vítimas e refuxiados na República Democrática do Congo. A explotación mineira ilegal utiliza man de obra semiescravizada, destruíndo ademais os hábitats de moitas especies africanas, coma os chimpancés e os gorilas, en grave perigo debido á caza furtiva e a deforestación.

Todo aquel que queira colaborar na protección dos ecosistemas africanos pode facelo achegando o seu móbil en desuso (en funcionamento ou non) ou recolléndoos entre amigos e familiares porque así contribuirá a reutilizar terminais e reducir a demanda dos seus compoñentes, a reutilizar elementos útiles e dispor adecuadamente de materiais tóxicos, evitando a contaminación do medio, e a recadar fondos para os programas de educación e conservación no Congo, como o Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga.

Ecoiniciativas

BioDiverCidade - Concurso de iniciativas

O CEIDA colabora na divulgación desta proposta do Instituto Jane Goodall que ten por obxectivo motivar á mocidade a realizar pequenas accións para a protección do medio, a partir das súas propias iniciativas. É vital que profesores e educadores se impliquen para guiar e axudar aos mozos e mozas a contribuír co seu gran de area á preservación da súa biodiversidade, e tomar así conciencia da importancia do papel que cada un pode xogar no benestar do planeta.