• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental e fomentar a lectura verde

Día das Bibliotecas: visita guiada á biblioteca do CEIDA + noite das lecturas verdes

Vostede está aquí

Día das Bibliotecas: visita guiada á biblioteca do CEIDA + noite das lecturas verdes

Día das Bibliotecas: visita guiada á biblioteca do CEIDA + noite das lecturas verdes

Participa e celébrao con nós!

Cada 24 de outubro o Ministerio de Cultura, a través da Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura, impulsa a celebración do   Día das Bibliotecas,   espazos abertos ao coñecemento que este 2025 levan o lema   'Contra a desinformación: bibliotecas'.  As bibliotecas de todo tipo constitúense como axentes activos na loita contra unha das grandes ameazas do noso tempo, a desinformación, non só mediante o acceso a recursos fiables como libros, prensa, revistas científicas, base de datos especializadas, senón tamén co uso responsable e crítico das tecnoloxías de información. Asimesmo, o persoal bibliotecario desempeña un papel clave como mediador do coñecemento e da lectura, guiando aos usuarios e usuarias na identificación e no uso de fontes veraces e contrastadas, e loitando contra as fake news.

Con motivo desta celebración, o CEIDA levará a cabo o vindeiro   xoves, 23 de outubro,   na súa biblioteca e centro de documentación ambiental dúas actividades:

  •  A biblioteca verde do CEIDA no Pazo de Lóngora: visita guiada.
    • De 19.00 a 19.45 horas. Aforo limitado.
    • Ubicado desde o 2022 nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, o Centro de Documentación Ambiental e Biblioteca Verde do CEIDA é hoxe un espazo que promove o coñecemento e a cultura ambiental. Da man do seu persoal bibliotecario, achegarémonos ás personalidades que habitaron este lugar no pasado e visitaremos algunha das súas estancias interiores, pasearemos polo xardín para coñecer os elementos arquitectónicos máis singulares, entraremos nas antigas cabalarizas para descubrir a historia da biblioteca verde e a súa vinculación co asociacionismo ambiental en Galicia, os fondos e coleccións máis especiais, así como os servizos e actividades máis destacadas. Un lugar para despertar a curiosidade polo medio natural ou para acceder a fontes ambientais fiables e de calidade!

 

  • A Noite das Lecturas Verdes.
    • De 20.00 a 21.00 horas.
    • A literatura de natureza é tamén unha fonte de coñecemento e pode ser unha poderosa ferramenta contra a desinformación. Baseada na observación e reflexión sobre o mundo natural, as lecturas verdes despertan a curiosidade, promoven o abraio e a empatía, desenvolven unha ollada crítica sobre as causas e consecuencias das crises ambientais, e poden impulsar unha chamada á acción. Na Noite das Lecturas Verdes leremos en voz alta fragmentos de obras literarias de temática naturalista ou ambiental (ensaio, novela, poesía, literatura infantil...), nun espazo de lectura colectiva dirixido a todo tipo de públicos (os máis pequenos tamén poden participar!) para gozar dunha tarde-noite máxica.
    • Formas de participar: á Noite de Lecturas Verdes pódese asistir como oínte ou como lector/a. En caso de participar na lectura colectiva hai tamén dúas opcións: traer algunha lectura verde que sexa especial para ti e compartila con nós, ou ler algún dos textos que o persoal bibliotecario terá preparado para esta data tan especial. O tempo máximo por cada lectura/persoa será de 5 minutos.

 

Ambas actividadades terán lugar no Pazo de Lóngora (xardín, antigas cabalarizas e interior do pazo). Rúa Casares Quiroga, 29. Liáns (Oleiros). * En caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan realizar a Noite das Lecturas Verdes no xardín, a actividade trasladarase ao interior da biblioteca.

RESERVA DE PRAZAS:   como o aforo é limitado, agradécese confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou a través do seguinte formulario:

 

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio