En xuño a Biblioteca Verde do CEIDA acolle unha nova proposta que convida a levantar a mirada cara ao ceo e habitar o efémero. Un encontro coas nubes, co seu tránsito libre e cambiante, coa súa capacidade de transformarse sen preocuparse polo que deixan atrás.
Presentamos o poemario Kumo no Nagare, el fluir de las nubes, de Francisca García Jáñez, con ilustracións de Eva Sakai: unha visión da beleza efémera que transmiten as nubes desde a poética xaponesa. Tal e como describe a autora: “Las nubes pasan, parecen despojarse del peso de la vida. Hablan a su manera a través del movimiento y se metamorfosean a cada instante, sin preocuparles lo que dejan atrás. No hay nada que las detenga, son indomables”.
O poemario iníciase cun breve estudo sobre a relevancia destes fenómenos meteorolóxicos na vida cotiá e sobre como teñen inspirado os ceos en poetas, pintores e fotógrafos durante séculos. Os XXIV haikus de corte clásico traducidos ao xaponés complétanse con fermosas ilustracións que nos trasladan a imaxes evocadoras de ceos singulares, onde a imaxinación da persoa lectora xoga un papel esencial.
O acto será presentado polo escritor e comunicador ambiental Antonio Sandoval Rey, e contará con recital poético da autora, acompañada de Sakurako Moriwaki.
O encontro estará amenizado pola música de Luis Abia Aguilá e Casiano González González, que acompañarán a lectura creando un espazo sonoro de evocación e harmonía, en diálogo coa palabra e co ritmo dos haikus.
Sobre a autora, Francisca García Jáñez
Doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), na especialidade de Arte e Literatura, é catedrática de Lingua e Literatura, escritora, poeta, docente e investigadora. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu unha intensa actividade formativa e creativa, con especial dedicación á impartición de obradoiros de poesía xaponesa e microrrelato, nos que combina rigor académico e sensibilidade literaria.
A súa investigación céntrase na literatura dos Séculos de Ouro e no Romanticismo, campos nos que achega unha mirada que dialoga constantemente co presente. Paralelamente, traballou como documentalista de imaxes e asesora de arte e literatura en distintas editoriais, explorando as interseccións entre palabra e visualidade. É tamén especialista en percorridos artísticos e literarios pola cidade e estudosa das conexións entre o retrato pictórico e o literario, entendendo a creación como un espazo de encontro entre linguaxes.
O seu vínculo co mundo oriental atravesa boa parte da súa obra e proxectos. Esta relación levouna a participar con haikus en diversas exposicións de pintura, como «La dama del pueblo de las flores» e «Kokoro, donde el sentimiento se une a la esencia», presentadas na Coruña, Pontevedra e Madrid, xunto coas artistas Ana Soler e Yano Yoro.

Na súa produción poética destaca a triloxía publicada en Ediciones Torremozas (Madrid), composta por poemas xaponeses en formato tanka, haiku e haibun, ilustrados por Ana Soler e Eva Sakai e editados en versión bilingüe: Tankas habitados (2018), Komorebi, bosque de haikus (2020) e Sazanami, lo que cuenta el mar (2022). Esta liña de traballo culmina agora co novo poemario de haikus tradicionais Kumo no nagare. El fluir de las nubes (2026), onde a mirada poética se detén na beleza efémera das nubes como metáfora do tránsito e da transformación.
No ámbito narrativo, publicou Modo manual. Microficción (Lastura, Madrid, 2024), un libro que rende homenaxe á mirada fotográfica a través do microrrelato, consolidando o seu interese pola relación entre imaxe e texto.
Participou na II Edición da Residencia de Literatura e Medioambiente organizada polo CENEAM no Val de Valsaín (Segovia), experiencia que reforza a súa liña de traballo arredor da natureza como espazo de reflexión e creación.
Na actualidade reside na pequena localidade costeira de Mera (Oleiros) e continúa a desenvolver a súa actividade docente e literaria, explorando as relacións entre imaxe e texto desde unha perspectiva literaria, pictórica e fotográfica, onde a natureza actúa como eixo vertebrador e fonte permanente de inspiración.
Sobre Antonio Sandoval Rey
Antonio Sandoval Rey é escritor, comunicador ambiental e ornitólogo. A súa traxectoria está profundamente ligada á divulgación da natureza, especialmente ao estudo e á observación das aves, actividade que el mesmo define como unha forma de vida e de mirada continuada sobre o mundo.
Colabora de maneira habitual con medios como La Voz de Galicia, onde publica artigos desde 1994, e participa en proxectos de educación ambiental como o programa Prensa-Escuela. Tamén escribe en publicacións como Revista LUZES, revista Salvaje ou National Geographic Viajes, entre outras.
Desenvolveu unha ampla actividade no ámbito da educación e interpretación ambiental, participando en proxectos de turismo ornitolóxico, iniciativas de biodiversidade urbana e programas de sensibilización ecolóxica. Forma parte de redes e entidades vinculadas á conservación e á divulgación da natureza, e ten colaborado en obras colectivas sobre aves e medio ambiente.

Como autor, publicou numerosos libros centrados na ornitoloxía e na relación entre persoas e natureza, entre eles ¿Para qué sirven las aves? (Tundra), Las aves marinas de Estaca de Bares. Un diario personal (Tundra), BirdFlyway. Un viaje en familia por “La Ruta de las Aves” (Lynx), El árbol de la escuela (Kalandraka), A Torre (Kalandraka), A outra xente (Luzes), De pajareo. Rutas ornitológicas por España (Geoplaneta), ou Territorios pajareros (BichoMalo Libros). Tamén coautor de títulos como Cuándo ver aves en Galicia (Tundra), De pícnic por España (GeoPlaneta) ou Volando van (Anaya Touring). Desde 2018 dirixe a colección Vitamina N – Lecturas al natural da editorial Kalandraka, centrada na relación entre lectura e natureza.
Acto de presentación
O acto de presentación terá lugar o xoves, 11 de xuño, ás 19 horas, nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, actual sede da biblioteca e centro de documentación ambiental.
Agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org