• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental e fomentar a lectura verde

Presentación do libro 'Neuronaturaleza: cómo la naturaleza mejora tu bienestar: una visión desde la neurociencia'

Vostede está aquí

Presentación do libro 'Neuronaturaleza: cómo la naturaleza mejora tu bienestar: una visión desde la neurociencia'

Presentación do libro 'Neuronaturaleza: cómo la naturaleza mejora tu bienestar: una visión desde la neurociencia'

En setembro retomamos a programación de actividades do CEIDA cunha proposta  que convida a afondar na relación entre a natureza e o noso benestar.

Para inaugurar esta nova tempada, o  10 de setembro, ás 19 horas,  presentamos   Neuronaturaleza. Cómo la naturaleza mejora tu bienestar. Una visión desde la neurociencia,  do biólogo, escritor e divulgador ambiental  Alfonso Polvorinos,  unha obra que explora a relación entre natureza, cerebro e benestar e que nos achega, desde a evidencia científica, aos efectos que o contacto co medio natural ten sobre a nosa saúde.

Durante o acto de presentación , acompañará ao autor o experto en turismo de natureza  Javier Otero.

Sobre a obra

Que acontece no noso cerebro e no noso organismo cando paseamos por un bosque, escoitamos o mar ou observamos aves? Neuronaturaleza afonda, desde a neurociencia e a bioloxía, nos efectos concretos que o contacto coa natureza pode ter sobre a nosa saúde e benestar.

A obra explica como escoitar a auga ou o canto das aves pode contribuír a reducir a resposta inflamatoria, como respirar aire limpo axuda a diminuír os niveis de cortisol e favorece o funcionamento do sistema inmunitario, ou como a exposición á luz natural pode axudar a regular o reloxo biolóxico e a produción de vitamina D e melatonina.

Tamén aborda os beneficios de actividades como a observación de aves e cetáceos, o contacto coa auga ou a contemplación de paisaxes, e analiza o papel de diferentes estímulos naturais —sons, aromas, cores, luz ou silencio— na regulación do estrés, do ritmo circadiano e de mecanismos relacionados co benestar.

Unha viaxe divulgativa e baseada na evidencia científica que nos mostra que a natureza non é só un espazo de lecer ou unha escapada, senón un elemento esencial para o equilibrio físico e mental, e que diferentes ecosistemas e experiencias poden activar no noso organismo respostas capaces de favorecer a saúde e a recuperación fronte ao desgaste da vida cotiá.

Sobre o autor, Alfonso Polvorinos

Biólogo, formador, escritor e divulgador ambiental, Alfonso Polvorinos conta con máis de 35 anos de traxectoria profesional vinculada ao ecoturismo e á sustentabilidade turística. Ao longo da súa carreira ten desenvolvido o seu labor no ámbito da divulgación e da formación ambiental, así como na posta en valor da natureza como recurso para o coñecemento, o lecer e o benestar.

É especialista certificado en conexión coa natureza por Forest Therapy Hub (FTHub) e consultor en paisaxes terapéuticos, ámbitos desde os que afonda na relación entre as persoas e os espazos naturais e nos beneficios que esta conexión pode achegar ao benestar.

É tamén coorganizador dos Encontros Nacionais de Turismo de Observación da Natureza (Encontros natureWatch) e autor de varios libros. O último, pubicado por Círculo Rojo: “Neuronaturaleza. Cómo la naturaleza mejora tu bienestar. Una visión desde la neurociencia”.

Sobre Javier Otero

Javier Otero conta con formación no ámbito do turismo, as actividades na natureza e a dinamización do tempo libre, e acumula máis de 35 anos de experiencia profesional na xestión e dinamización de destinos turísticos, na planificación estratéxica e no deseño de novos produtos e experiencias turísticas.

É socio director de INICIACTIVA Ideas en Acción, consultora especializada no deseño e posta en marcha de proxectos orientados ao desenvolvemento rural e das áreas de montaña. Ao longo da súa traxectoria ten impulsado iniciativas que buscan achegar novas miradas ao territorio e poñer en valor os seus recursos naturais e culturais.

Entre os seus proxectos destacan MICROPAISAJES e BosqueQué —¿Para qué sirve un bosque?—, dúas propostas singulares e innovadoras que exploran novas formas de descubrir, interpretar e valorizar o territorio, así como de favorecer unha relación máis consciente cos espazos naturais.

Acto de presentación

O acto de presentación terá lugar o   xoves, 10 de setembro, ás 19 horas, nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, actual sede da biblioteca e centro de documentación ambiental. 

Agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio