• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Mobilízate pola Selva: Campaña de Reciclaxe de Móbiles

Vostede está aquí

Mobilízate pola Selva CEIDA Jane Goodall

 

A explotación do coltán, un mineral que fai posible a tecnoloxía dos móbiles, ordenadores e consolas está no centro dos conflitos bélicos que producen milleiros de vítimas e refuxiados na República Democrática do Congo. A explotación mineira ilegal utiliza man de obra semiescravizada, destruíndo ademais os hábitats de moitas especies, coma o chimpancé e o gorila, en grave perigo debido á caza furtiva e a deforestación. En España soamente acaba sendo reciclado, e recuperado o coltán, o 5% de terminais móbiles.

MOBILízate é unha campaña para a recuperación e reciclaxe de móbiles coa que se pretende contribuír a reducir a demanda dos seus compoñentes e os problemas ambientais que ocasionan, reutilizar elementos útiles, tratar adecuadamente os materiais tóxicos e recadar fondos para os programas de educación e conservación que o Instituto Jane Goodall ten en marcha no Congo. Así mesmo MOBILízate é unha iniciativa que trata de difundir e apoiar o Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga, dirixido pola veterinaria galega Rebeca Atencia, no que cada día son coidados e alimentados máis de 140 chimpancés orfos, rescatados da caza furtiva e a deforestación.

O CEIDA está a colaborar co Instituto Jane Goodall no ámbito de Galicia, lanzando esta campaña xunto a concellos, centros educativos, entidades, asociacións ou colectivos que tras sumarse á iniciativa establecen puntos de recollida de móbiles nas súas dependencias ou instalacións e divulgan a campaña entre o seu público ou destinatarios. A participación non conleva ningún custo e o envío dos móbiles é gratuíto.

O Instituto Jane Goodall

A primatóloga e naturalista inglesa de prestixio mundial Jane Goodall fundou en 1977 o instituto ao que lle dá nome, á raíz de que, e tras investigar os chimpancés dende os anos 60, se dese conta de que o seu obxecto de estudo se extinguía. Pero Goodall decatouse de que non é posible protexer as especies animais en perigo de extinción sen conservar os ecosistemas, sen dar alternativas ás poboacións humanas dos arredores e sen informar aos países máis desenvolvidos sobre como consumir de forma responsable e xusta para o medio e as persoas. Dende ese momento a primatóloga viaxa 300 días ao ano difundindo unha mensaxe de esperanza entre mozos e adultos, no que destacan o respecto cara aos animais, tanto salvaxes coma domésticos, a protección do medio e a paz e a tolerancia entre os humanos.  

Na actualidade, o Instituto Jane Goodall, implantado en 30 países do mundo, está levando a cabo diferentes programas nas súas catro liñas de traballo entre os que se engloban proxectos de investigación e conservación en África, destacando o Parque Nacional de Gombe en Tanzania, o centro de recuperación e reserva de Tchimpounga (República do Congo), o santuario de Ngamba Island en Uganda, e outros en Guinea, Senegal, Gabón e Sudáfrica. En todos eles trabállase baixo o modelo de conservación centrado nas comunidades, que apodera institucións e poboación local para xestionar os proxectos.

 

 

COMO ADHERIRSE

A participación que se solicita a todas as entidades ou colectivos que desexen adherirse á campaña é a seguinte:

  • Divulgar a campaña entre o seu público ou destinatarios principais a través dos medios e recursos propios da entidade ou colectivo (web, redes sociais, listas de distribución…).
  • Determinar puntos de recollida instalando unha ou varias furnas ou recipientes para que os interesados/as poidan depositar os móbiles.
  • Proceder a enviar os móbiles recollidos á empresa recicladora de xeito periódico.

 

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas