En maio celebramos o azul na Biblioteca Verde do CEIDA cunha proposta que vai moito máis alá dunha presentación ao uso. O xardín do Pazo de Lóngora converterase nun espazo vivo onde palabra, ilustración e emoción se entrelazan coa forza das mareas.
Presentamos Bechos que ían ao Matadoiro, unha obra de conChi Ri (Conchi García, poemas) e Coca Rivas (ilustracións) na que texto e debuxo dialogan cunha intensidade que nos convida a mirar a praia con ollos novos. Neste encontro cómplice, as autoras mergúllannos nun universo onde o detalle cobra protagonismo, onde o ritmo das mareas marca o pulso e onde a bicharía revela a súa propia linguaxe, delicada e poderosa.
Cada poema-debuxo ou debuxo-poema é un convite a deter o tempo, a afinar os sentidos e a deixarse levar pola respiración compartida entre mar e vida. Unha celebración do azul, da calma e da intensidade que habita no pequeno.
A presentación contará cun diálogo aberto entre a autora conCHI Ri e a escritora Estíbaliz Espinosa, mais o encontro promete ir máis alá: será unha experiencia dinámica, case festiva, onde a lectura de poemas se mesturará con voces de auga e sal, con bechos, ecos mariños, e complicidades inesperadas.
Unha cita para escoitar, sentir, participar… e quen sabe se tamén para rematar bailando ou cantando baixo as árbores.
Sobre a autora, conCHI Ri
Conchi naceu illa, sen azul esvaecería, perdería propósito, caería na inanición. É surfeira e poeta. Cuerpeando foi profe de Educación Física. Moneando fixo o mestrado cos seus fillos, agora eles monísimos non teñen alerxia a ser felices.
Conchi sente o latexo na música, baila con todo o que pilla, porque para ela a vida é aprender, é respirala e intentar non botala a perder. É bailar azuis.
Nesta deriva xubilar non perde a curiosidade nin o entusiasmo, segue a procurar ondas poéticas e portos chulos onde recalar, con alegrías por estrear en rumbos non defraudados.

Sobre a ilustradora, Coca Rivas
Coca formouse en Belas Artes e leva máis de vinte e cinco anos exhibindo, creando e deseñando produtos dixitais. Marchou da Coruña cunha bolsa para aprender en Londres, e quedou a construír unha carreira e unha familia. Combina o deseño para mellorar os servizos públicos con proxectos artísticos,e surfea na baía entre reunións, prazos e a súa pequena becha.

Sobre Estíbaliz Espinosa
Escritora, conta con sete libros de poesía e publicou tamén relato curto e ensaio, cun enfoque nunha cultura singular: a simbiose entre a ciencia e as humanidades, así como a constelación que forman palabra, ciencia, maternidade e música.
Licenciada en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica pola UDC, imparte charlas, cursos e obradoiros principalmente de poesía, astronomía e literatura, música e ciencia. Tradutora de galego, castelán e inglés. Compaxina estas actividades coa música: é cantante (mezzosoprano) e escribe sobre música para a Orquestra Sinfónica de Galicia.
Traballou para o Planetario da Casa das Ciencias, NORMAL da UDC ou o MUNCYT.
É astrónoma afeccionada.

Acto de presentación
O acto de presentación terá lugar o vindeiro xoves, 21 de maio , ás 19 horas, no xardín do Pazo de Lóngora (se o tempo non permite facelo no exterior, trasladaremos a presentación ás antigas cabalarizas, actual sede da biblioteca).
Agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org