• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental e fomentar a lectura verde

Presentación do libro ‘Bechos que ían ao Matadoiro’

Vostede está aquí

Presentación do libro ‘Bechos que ían ao Matadoiro’

Presentación do libro ‘Bechos que ían ao Matadoiro’

En maio celebramos o azul na Biblioteca Verde do CEIDA cunha proposta que vai moito máis alá dunha presentación ao uso. O xardín do Pazo de Lóngora converterase nun espazo vivo onde palabra, ilustración e emoción se entrelazan coa forza das mareas.

Presentamos  Bechos que ían ao Matadoiro,  unha obra de  conChi Ri (Conchi García, poemas)  e   Coca Rivas (ilustracións)  na que texto e debuxo dialogan cunha intensidade que nos convida a mirar a praia con ollos novos. Neste encontro cómplice, as autoras mergúllannos nun universo onde o detalle cobra protagonismo, onde o ritmo das mareas marca o pulso e onde a bicharía revela a súa propia linguaxe, delicada e poderosa.

Cada poema-debuxo ou debuxo-poema é un convite a deter o tempo, a afinar os sentidos e a deixarse levar pola respiración compartida entre mar e vida. Unha celebración do azul, da calma e da intensidade que habita no pequeno.

A presentación contará cun   diálogo aberto entre a autora conCHI Ri e a escritora Estíbaliz Espinosa,  mais o encontro promete ir máis alá: será unha experiencia dinámica, case festiva, onde a lectura de poemas se mesturará con voces de auga e sal, con bechos, ecos mariños, e complicidades inesperadas.

Unha cita para escoitar, sentir, participar… e quen sabe se tamén para rematar bailando ou cantando baixo as árbores.

 

Sobre a autora, conCHI Ri

Conchi naceu illa, sen azul esvaecería, perdería propósito, caería na inanición. É surfeira e poeta. Cuerpeando foi profe de Educación Física. Moneando fixo o mestrado cos seus fillos, agora eles monísimos non teñen alerxia a ser felices.

Conchi sente o latexo na música, baila con todo o que pilla, porque para ela a vida é aprender, é respirala e intentar non botala a perder. É bailar azuis.

Nesta deriva xubilar non perde a curiosidade nin o entusiasmo, segue a procurar ondas poéticas e portos chulos onde recalar, con alegrías por estrear en rumbos non defraudados.

    

 

Sobre a ilustradora, Coca Rivas

Coca formouse en Belas Artes e leva máis de vinte e cinco anos exhibindo, creando e deseñando produtos dixitais. Marchou da Coruña cunha bolsa para aprender en Londres, e quedou a construír unha carreira e unha familia. Combina o deseño para mellorar os servizos públicos con proxectos artísticos,e surfea na baía entre reunións, prazos e a súa pequena becha.

 

Sobre Estíbaliz Espinosa

Escritora, conta con sete libros de poesía e publicou tamén relato curto e ensaio, cun enfoque nunha cultura singular: a simbiose entre a ciencia e as humanidades, así como a constelación que forman palabra, ciencia, maternidade e música.

Licenciada en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica pola UDC, imparte charlas, cursos e obradoiros principalmente de poesía, astronomía e literatura, música e ciencia. Tradutora de galego, castelán e inglés. Compaxina estas actividades coa música: é cantante (mezzosoprano) e escribe sobre música para a Orquestra Sinfónica de Galicia.

Traballou para o Planetario da Casa das Ciencias, NORMAL da UDC ou o MUNCYT.

É astrónoma afeccionada.

 

Acto de presentación

O acto de presentación terá lugar o  vindeiro xoves, 21 de maio , ás 19 horas, no xardín do Pazo de Lóngora (se o tempo non permite facelo no exterior, trasladaremos a presentación ás antigas cabalarizas, actual sede da biblioteca).

Agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:

 

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio