• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental e fomentar a lectura verde

Presentación do libro 'A fraga esborrallada. Crónicas naturalistas dacabalo de dous séculos'

Vostede está aquí

Presentación do libro 'A fraga esborrallada. Crónicas naturalistas dacabalo de dous séculos'

Presentación do libro 'A fraga esborrallada. Crónicas naturalistas dacabalo de dous séculos'

En xuño temos unha nova cita na Biblioteca Verde do CEIDA que ofrece a oportunidade de coñecer de primeira man unha obra que combina memoria, divulgación e defensa ambiental, ao tempo que convida a reflexionar sobre os retos presentes e futuros da conservación da natureza en Galicia.
Presentamos o libro   A fraga esborrallada. Crónicas naturalistas dacabalo de dous séculos  (editorial Toxosoutos),   unha obra na que o biólogo e naturalista  Pedro Alonso Iglesias  revisita máis de catro décadas de activismo ecoloxista e naturalista en Galicia. A través dunha combinación de memoria  persoal, crónica de campo, análise histórica, denuncia e reflexión social, o autor ofrece un percorrido pola evolución do movemento ecoloxista galego desde os primeiros anos da década de 1980 ata a actualidade.
A obra aborda algunhas das principais problemáticas ambientais que marcaron este período, como a situación do lobo ibérico, a expansión do eucalipto e o deterioro dos bosques autóctonos, así como a degradación dos ríos galegos e o declive das especies da fauna acuática que os habitan. Cunha mirada crítica e reivindicativa, mais tamén profundamente vinculada á experiencia persoal, o libro constitúe unha chamada á reflexión e ao compromiso coa conservación do territorio.
 
Acompañarán ao autor o escritor e ornitólogo   Antonio Sandoval Rey, e o biólogo e educador ambiental   Xoan Fontaíña Pérez.

Sobre o autor, Pedro Alonso Iglesias

Pedro Alonso Iglesias  é licenciado en Ciencias Biolóxicas e socio fundador De Arcea Xestión de Recursos Naturais, unha das primeiras consultoras orientada ao estudo e á ordenación e conservación da fauna, flora e patrimonio natural galego. Biólogo especializado no estudo, na conservación e xestión do lobo ibérico, traballou en censos e estimas de poboación dos lobos do suroeste de Galiza (1991-97), para o CSIC na procura dos últimos lobos de Sierra Morena (1995-1996) e, nos últimos tempos, cos lobos do norte e nordeste do país (2013- actualidade). É coautor nas seguintes publicacións:  Illas Cíes. Guía do Parque natural  (Concello de Vigo, 1994),  Os espazos naturais de Galicia  (Nigra Trea, 2004) e  Los lobos de la península ibérica. Propuestas para el diagnóstico de sus poblaciones  (Ascel, 2010).

Sobre Antonio Sandoval Rey

Antonio Sandoval Rey é escritor, comunicador ambiental e ornitólogo. A súa traxectoria está profundamente ligada á divulgación da natureza, especialmente ao estudo e á observación das aves, actividade que el mesmo define como unha forma de vida e de mirada continuada sobre o mundo.

Colabora de maneira habitual con medios como  La Voz de Galicia,  onde publica artigos desde 1994, e participa en proxectos de educación ambiental como o programa Prensa-Escuela. Tamén escribe en publicacións como    Revista LUZES,  revista   Salvaje   ou   National Geographic Viajes,  entre outras.

Desenvolveu unha ampla actividade no ámbito da educación e interpretación ambiental, participando en proxectos de turismo ornitolóxico, iniciativas de biodiversidade urbana e programas de sensibilización ecolóxica. Forma parte de redes e entidades vinculadas á conservación e á divulgación da natureza, e ten colaborado en obras colectivas sobre aves e medio ambiente.

Como autor, publicou numerosos libros centrados na ornitoloxía e na relación entre persoas e natureza, entre eles  ¿Para qué sirven las aves?  (Tundra),   Las aves marinas de Estaca de Bares. Un diario personal  (Tundra),   BirdFlyway. Un viaje en familia por “La Ruta de las Aves”  (Lynx),   El árbol de la escuela  (Kalandraka),  A Torre (Kalandraka),  A outra xente (Luzes),   De pajareo. Rutas ornitológicas por España (Geoplaneta), ou   Territorios pajareros  (BichoMalo Libros). Tamén coautor de títulos como  Cuándo ver aves en Galicia  (Tundra),  De pícnic por España  (GeoPlaneta) ou  Volando van (Anaya Touring). Desde 2018 dirixe a colección Vitamina N – Lecturas al natural da editorial Kalandraka, centrada na relación entre lectura e natureza. 

Sobre Xoán Fontaíña Pérez

Biólogo de formación e educador ambiental por vocación, leva máis de trinta anos traballando para achegar a natureza ás persoas a través da educación, a divulgación e a interpretación do patrimonio natural, como un dos socios fundadores de CEM S. Coop. Galega, empresa cooperativa pioneira da educación ambiental en Galicia desde 1992. Ao longo da súa carreira coordinou numerosos proxectos ambientais, centros de natureza e actividades en espazos protexidos de Galicia. Apaixónalle a observación da natureza, o sendeirismo e o deseño de rutas para descubrir e valorar o noso territorio. Tamén desfruta do seu traballo profesional creando materiais divulgativos e compartindo coñecementos mediante cursos, charlas e actividades formativas. Ten a firme convicción de que coñecer o noso medio é o primeiro paso para axudar a conservalo.

Acto de presentación

O acto de presentación terá lugar o   venres, 12 de xuño, ás 19 horas, nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, actual sede da biblioteca e centro de documentación ambiental. 

Agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio