A que ulen os recordos? Hai aromas capaces de facernos viaxar a outro momento, a outro lugar ou mesmo a unha emoción que criamos esquecida.
Esencia Salvaxe é unha nova proposta da Biblioteca Verde do CEIDA que combina natureza, aromas, literatura e memoria nunha experiencia sensorial diferente.
Unha viaxe a través do olfacto
O olfacto ten unha relación moi especial coas nosas emocións e coa memoria. É o sentido que está máis directamente conectado con zonas do cerebro relacionadas con sentir e lembrar. Por iso, ás veces, un aroma pode levarnos directamente a un recordo antes mesmo de sermos capaces de identificar o que estamos ulindo. Pode devolvernos unha paisaxe, unha persoa, un momento ou unha emoción. Pode sorprendernos, espertar a curiosidade ou facer aparecer unha historia que permanecía agochada na memoria. E nesa capacidade dos aromas para evocar e transportarnos nace Esencia Salvaxe.
Durante a actividade, diferentes aromas relacionados coa natureza irán guiando unha experiencia na que sentir, lembrar e compartir serán parte da viaxe. As sensacións e evocacións que xurdan atoparán tamén un lugar nas palabras, a través da lectura en voz alta de textos seleccionados para dialogar cos sentidos.
Esencia Salvaxe é, así, un convite a experimentar a natureza doutra maneira, a través do olfacto, da literatura e das historias que cada persoa leva consigo.
Unha experiencia piloto
No CEIDA gústanos probar cousas novas, experimentar e explorar que acontece cando mesturamos linguaxes diferentes. Por iso, Esencia Salvaxe nace como unha experiencia piloto que queremos estrear convosco.
Non sabemos exactamente a onde nos levará esta viaxe, pero si sabemos que queremos descubrilo. Anímate a probar esta nova proposta da Biblioteca Verde e déixate sorprender polos sentidos!
Quen pode participar?
A actividade está pensada para todo tipo de públicos a partir de 16 anos.
Cando e onde terá lugar?
Inscrición
As prazas son limitadas polo que é preciso confirmar a asistencia a través do seguinte formulario:
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
[email protected]