Libélulas, libeliñas, cabaliños do demo, gaiteiros, donceliñas... son moitos os nomes vulgares cos que coñecemos aos odonatos en Galicia, insectos voadores fácilmente recoñecibles polas súas grandes ás, corpo longo e tubular, semellante a un helicóptero, e voo rápido. Xunto ás bolboretas son os insectos máis "fotoxénicos" e apreciados pola súa beleza e colorido.
Este mes de maio a nosa biblioteca e centro de documentación ambiental retoma as Conversas Naturalistas, espazo de introdución ao mundo natural que combina a experiencia persoal de persoas expertas en determinadas materias e os libros que son imprescindibles para marabillarnos coa biodiversidade que nos rodea, centrado no mundo das libélulas. E para achegarnos a elas contaremos coa presenza da docente e naturalista Anxos Romeo.
Anxos Romeo Barreiro
Profesora de Debuxo de Educación Secundaria e Bacharelato. Escritora, naturalista e entusiasta, en particular, das Libeliñas, do sendeirismo e de colaborar na mostraxe e inventario dos Odonatos de Galicia e da Península Ibérica. É coautora de diferentes artigos científicos sobre os odonatos galegos e da 'Guía de libélulas e libeliñas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés' publicado recentemente pola Xunta de Galicia.

Inscrición
A actividade terá lugar o vindeiro xoves, 29 de maio, en horario de 19 a 21 h. nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros). Trátase dunha actividade de iniciación dirixida a público xeral (a partir de 14 anos). As prazas son limitadas e é imprecindible inscrición previa a través do seguinte formulario.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org