• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental e fomentar a lectura verde

Exposición 'Atmosferas. Paisaxes en acuarela' na biblioteca verde

Vostede está aquí

Exposición 'Atmosferas. Paisaxes en acuarela' de Lúa Fraga na biblioteca verde

Exposición 'Atmosferas. Paisaxes en acuarela' na biblioteca verde

15 de xaneiro - 28 de febreiro

A nosa biblioteca e centro de documentación ambiental acolle na súa sede, as antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, a   exposición 'Atmosferas: paisaxes en acuarela', da artista oleirense   Lúa Fraga Salgado  (@mamaquieroserartista_).  A mostra poderá visitarse na pranta baixa da biblioteca   do 15 de xaneiro ao 28 de febreiro de 2025.

A exposición

Nun sentido amplo, a atmosfera pode entenderse como o ambiente ou clima que envolve unha persoa ou unha situación, así como unha metáfora dun estado emocional: esa aura intanxible na que nos sentimos inmersos fronte a unha emoción, unha compañía ou un lugar, e que, ao reencontrala, evoca recordos desde unha dimensión sensorial e emocional máis que puramente memorística.

Cando resulta difícil poñer palabras a esa aura que envolve persoas, lugares, experiencias ou emocións, a pintura convértese nun medio para acceder a ese “lugar” emocional que só pode ser sentido. A través da paisaxe pictórica, explórase esa experiencia íntima e perceptiva.

A exposición presenta unha selección de obras realizadas en acuarela sobre papel de alto gramaxe, 100 % algodón. A técnica predominante é o "húmido sobre húmido", que, mediante amplas aguadas, permite un proceso creativo intuitivo, fluído e solto, no que a confianza no propio proceso conduce ao descubrimento da imaxe definitiva tras o secado.

Sobre a artista

Lúa Fraga chegou á ilustración e deseño de estampados, tras estudar deseño gráfico e facer un curso de acuarela para téxtil, pero sen esquecer as súas grandes aprendizaxes adquiridas de forma autodidacta, desde que pinta sendo nena. Inspírase para as obras e deseños, maiormente, no medio que nos rodea, como fauna, botánica ou paisaxes. As ilustracións adoptan un estilo realista que pretenden mostrar que a natureza é marabillosa tal cal é, sen alteracións, prestando especial atención e mimo aos pequenos detalles. As creacións van desde a obra orixinal, reproducións fine art en formato de láminas decorativas, así como en diferentes produtos nos que se plasman as ilustracións, como téxtiles estampados ou papelería.

Ten un grande interese en achegar a arte á infancia, volvéndoo atractivo, coa naturalidade das ilustracións, e mesmo útil e práctico como nos accesorios estampados téxtiles, mostrando ás máis pequenas e pequenos, pinturas nas que se aprecie a técnica, os trazos e manchas de pintura, pero que non estean infantilizadas, se non que poidan ver como é a realidade que nos rodea. Así pois, as súas ilustracións están dirixidas a público de diferentes idades que se vexan atraídas pola arte ou a natureza.

A exposición 'Atmosferas: paisaxes en acuarela' poderá visitarse en   horario de luns a xoves, de 10 a 14 e de 16 a 19 h., e venres de 9 a 14 h.

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio