• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental e fomentar a lectura verde

Exposición 'Aves que alumean os nosos días' na biblioteca verde

Vostede está aquí

Exposición 'Aves que alumean os nosos días' na biblioteca verde

Exposición 'Aves que alumean os nosos días' na biblioteca verde

do 12 de marzo ao 29 de maio

A biblioteca e centro de documentación ambiental do CEIDA acolle nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora a exposición  'Aves que alumean os nosos días',  do artista  Gustavo Pedre Vázquez (Monguiart).  A mostra poderá visitarse na planta baixa da biblioteca.

A exposición

'Aves que alumean os nosos días' presenta unha pequena mostra de aves presentes nos nosos bosques e cidades, especies que acompañan os nosos camiños cotiáns e que, moitas veces, pasan desapercibidas. A exposición propón unha invitación a deter a mirada e descubrir a riqueza da fauna que convive con nós, convertendo a simple observación nun momento de sorpresa e tamén nun espazo de desconexión do ritmo diario.

As obras parten dun soporte singular: lámpadas LED con forma de paxaro que o artista transforma para achegalas ao aspecto das aves reais. A partir destes obxectos sen vida, as pezas reconstrúen formas e cores inspiradas nas especies que podemos atopar na natureza próxima, creando un diálogo entre o obxecto artificial e a vida silvestre que o inspira.

Para a súa elaboración empregáronse técnicas e materiais diversos, desde pinturas acrílicas, sprays e vernices sintéticos, ata elementos reciclados recollidos tanto no bosque como na cidade. Cada soporte está deseñado especificamente para a ave que representa, co obxectivo de crear unha peza única.

Sobre o artista

Gustavo Pedre Vázquez mantivo desde a infancia unha relación estreita coa natureza e coa creación artística. O debuxo e a experimentación plástica acompañárono desde pequeno, e na adolescencia comezou a interesarse polo graffiti, un ámbito no que continuou desenvolvendo a súa creatividade a través de intervencións murais.

Xunto con outros artistas formou parte do Colectivo Variopinto, co que realizou murais temáticos e obradoiros dirixidos a público infantil e xuvenil.

Co paso do tempo xorde   Monguiart,  un proxecto persoal a través do que explora a súa creatividade con liberdade e de maneira máis espontánea. Nesta liña de traballo emprega soportes moi diversos, moitos deles recuperados ou reciclados na rúa ou no propio bosque, transformándoos en pezas artísticas que conectan natureza, reciclaxe e expresión plástica.

A exposición 'Aves que alumean os nosos días' poderá visitarse en   horario de luns a xoves, de 10 a 14 e de 16 a 19 h., e os venres de 9 a 14 h.

 

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio