Abril chega cargado de letras e de sensibilidade. Co Día da Terra e o Día do Libro, o mes convida a celebrar a natureza e a creación literaria que nos conecta con ela. Na nosa biblioteca verde, estes dous mundos únense para ofrecer un encontro literario á altura de ambas efemérides coa presentación de Antes del lunes, da escritora Silvia Salgado.
Antes del lunes é un libro singular, feito de papeles e achados: breves textos que rozan o relato, escritos sempre en domingo para ser lidos en luns. Ao reunirse, estes fragmentos revelan un poderoso fío condutor: a literatura. Mais non é só literatura, é tamén un convite a parar, mirar e descubrir o que pasa desapercibido, os pequenos xestos, as rutinas cotiás, o silencio dunha mañá cedo, as ausencias, a risa que se esconde no fondo do día. Papeis que falan do que nos rodea e do que late dentro de nós, da pausa necesaria para aprender a mirar e sentir, e do sentido último que a vida nos propón. Un reflexo da sensibilidade contemporánea e do compromiso coa humanidade e co medio que habitamos.
A presentación contará cun diálogo entre a autora, Silvia Salgado, e a escritora e filóloga Francisca García Jáñez, e combinará dúas das súas paixóns: o coidado do que nos rodea e a palabra escrita. Entre conversas e reflexións, aproximaranse á capacidade da literatura de facer visible o cotián e de transformar a maneira en que miramos o mundo. Acompañará o encontro Laura Rodríguez, editora de Hércules Ediciones, achegando a mirada editorial e o contexto de publicación. A música do saxofonista Jaime Faraldo poñerá ritmo e emoción, pechando un acto no que palabra e son se funden para celebrar a lectura e a terra que habitamos.
Sobre Silvia Salgado
Silvia Salgado naceu en Barcelona en 1974. Licenciada en Ciencias Políticas pola Universitat Autònoma de Barcelona, ten un posgrao en Xornalismo acreditado pola Universidade Columbia de Nova York. Publicou as novelas Mientras hilan las mariposas (2016), La aldea (2017), El intermedio que somos (2019), Si te vuelves invierno (2021) e, en Hércules de Edicións, Verde en el tejado (2023).

É directora de programación cultural do podcast literario coruñés 'Érase una red'. Coordina e dirixe os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais do Concello de Oleiros, imparte talleres de escritura creativa e colabora de forma regular con distintos medios.
Reside coa súa familia na bela localidade de Mera, onde é doado vela pasear pola praia co Sr. Wilson, un westy branco como o algodón, e o pequeno Ron, o seu labrador negro. É unha flâneur, unha amante amateur da fotografía. Unha declarada activista da lectura.
Acto de presentación
O acto de presentación terá lugar o vindeiro xoves, 23 de abril , ás 19 horas, nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora.
O aforo é limitado, polo que agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org