O CEIDA organiza o estreo da curtametraxe 'Raíces. Da utopía en diante', unha película de Feitoría Verde e Illa Bufarda, ambientada nun futuro utópico e protagonizada por un grupo de mulleres da parroquia de Biduído, no Concello de Ames.
A Cooperativa Feitoría Verde, xunto co Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA, da USC), e a produtora Illa Bufarda son as entidades promotoras do proxecto, que conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e o CEIDA, entre outras entidades.
Sinopse de 'Raíces. Da utopía en diante'.
Ames, 2074. Anos despois da revolución climática, Biduído está repleto de árbores autóctonas. Escoitamos paxaros. Vemos varias placas solares nos tellados das casas, moitas delas tradicionais. A xente traballa ao lonxe nas hortas comunitarias...
Así comeza a curtametraxe e así imaxina o seu concello o grupo de mulleres que participou no proxecto “Do Desequilibrio aos soños compartidos”; unha iniciativa de Educación Ambiental centrada na emerxencia climática que, a través dunha metodoloxía interxeracional, traballou na elaboración de narrativas de futuro sostibles para inspirar os cambios que esixen os retos ambientais presentes. A proposta nace da colaboración entre a cooperativa sen ánimo de lucro Feitoría Verde, o grupo Chévere, o Grupo de Investigación en Educación Ambiental e Pedagoxía Social (SEPA), da Universidade de Santiago de Compostela, e a cooperativa Illa Bufarda.
Dende o ano 2021, co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e os Concellos de Ames, Padrón e Pontevedra, o proxecto desenvolveuse con grupos interxeracionais que traballaron na identificación das causas e consecuencias do cambio climático, e a busca de alternativas. Un proceso que finalizou con tres intervencións artístico-teatrais nas que amosar futuros sustentables e desexables construídos polos propios grupos. A partir destes relatos utópicos, en marzo de 2024, o grupo de mulleres da parroquia de Biduído, no Concello de Ames, comezou a elaboración do guión desta curtametraxe que agora se estrea. Elas decidiron as personaxes, as súas vidas e as historias que estarían presentes nun Ames utópico. Tamén son elas as protagonistas, xunto con moitos veciños e veciñas que participaron na rodaxe.
A curtametraxe ten como obxectivo amosar un futuro posible e desexable; un futuro esperanzador que, partindo da realidade cotiá dun grupo de mulleres, convide a imaxinar outra forma de facer e de relacionarse, entre nós e coa natureza. Medio ambiente, xénero, rural e comunidade son os piares dunha historia que aspira a facernos ver o mañá doutro xeito.
Proxección da película
A proxección da curtametraxe terá lugar o xoves, 15 de maio, ás 20 horas, no Auditorio A Fábrica do Concello de Oleiros (Calle del Inglés, 13, Perillo). Ao remate do mesmo terá lugar un coloquio no que participarán as mulleres protagonistas da película da Asociación Veciñal O Reguiño, ademáis das entidades impulsoras do proxecto.
A asistencia é de balde ata completar aforo. Non é preciso reserva de praza.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org