• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Aula do Mar - Costa de Dexo

Vostede está aquí

O  Monumento Natural Costa de Dexo  ocupa un tramo costeiro comprendido entre os faros de Mera e o porto de Lorbé do concello de Oleiros (arredor de 11 km de costa), situado ao noroeste da provincia da Coruña, entre as rías de Ares-Betanzos e de A Coruña, no fondo do denominado Golfo Ártabro. Pertence na súa totalidade ao concello de Oleiros, cunha extensión de 270 hectáreas e o seu rango altitudinal vai dos cero aos 81 m sobre o nivel do mar.

Terra e mar combínanse na Costa de Dexo dando como resultado a existencia de fermosas paisaxes cheas de vida e nos que se reúnen destacados trazos xeomorfológicos e relevantes elementos de flora e fauna.

A paisaxe é o recurso por excelencia deste espazo natural que, xunto á súa riqueza biolóxica, fixo que se declarase Monumento Natural no ano 2000, polo que está integrado na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos. Forma parte tamén da Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación (ZEC), e constitúe unha das zonas núcleo da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Costa de Dexo Oleiros   Costa de Dexo Oleiros   Portiño de Dexo Oleiros

 

Dentro do monumento natural atópase a antiga casa do fareiro dos Faros de Mera, convertida grazas a un convenio firmado entre o municipio de Oleiros e a Fundación Arao na actual Aula do Mar: Centro de Recepción de Visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo. Ubícase nunha zona con grande valor natural, e que se convirte na porta natural e casi obrigada deste espazo protexido.

No seu interior alberga unha exposición interpretativa permanente, distribuida en dúas salas e dous miradores acristalados, un laboratorio, espazos para a proxección de audiovisuais, ampla terraza e puntos de observación ornitolóxica. Cando o visitante accede á aula sorpréndese coa reproducción dunha batea, ou dunha furna na que pode sumerxirse, escoitar e ulir o mesmo que os animais que viven neste entorno. Pode, a continuación, gozar dos antigos focos do Faro de Mera, ou visualizar sobre unha foto aérea os principais elementos patrimoniais e puntos de interese do Monumento. A Aula do Mar actúa tamén como Centro de Recepción de visitantes do Monumento Natural ofrecendo un servizo de información que asesora sobre as condutas aconsellables dentro do espazo, as súas restriccións e posibilidades, e as zonas aconsellables para visitar, de maneira que o impacto sexa mínimo. Tamén oferta un servizo de guías para os colectivos que estén interesados.

.

Centro Recepción Visitantes Costa de Dexo      

Visitas

Na actualidade, a Aula do Mar atópase aberta ao público polo persoal de turismo do Concello de Oleiros. Consulta os seus  horarios de visita.

O CEIDA realiza visitas á Aula e roteiros polo Monumento Natural con grupos organizados (centros educativos, asociacións, colectivos…) dentro do programa educativo   O mar e a costa, recursos valiosos para todos, ao longo de todo o ano.

Como chegar
  • Por estrada:
    • AP-9 Saída 3 “Ponte da Pasaxe”, desvío “Santa Cruz - Praias” pola AC-173. Na localidade de Santa Cruz continuar a estrada aproximadamente 5 Km en dirección Mera. Chegados a Mera coller o primeiro desvío á esquerda en dirección Faros de Mera.
    • N-634 Saída “Ponte da Pasaxe”, desvío “Santa Cruz – Praias” póla AC- 173
    • N-VI En Perillo, desvío “Santa Cruz - Praias”, pola AC-173
    • Vía Ártabra, saída DP-5815 dirección Mera.
  • En bus:
    • Estación de Autobuses de A Coruña. Compañía ELISEO PITA. Parada en Mera.
  • En tren:
    • Estación de San Cristóbal en A Coruña. Próxima á Estación de Autobuses para enlace por bus

 

Máis información
CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas