• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

V Congreso de Educación Ambiental dos Centros de Ensino da Coruña

Vostede está aquí

V Congreso de Educación Ambiental dos Centros de Ensino da Coruña CEIDA
Data
xoves, 2 Xuño, 2011
Lugar

Castelo de Santa Cruz (Oleiros)

Organiza

CEIDA

Colabora
  • Xunta de Galicia
  • Universidade da Coruña
  • Concello de Oleiros
  • Instituto Jane Goodall
  • UNICEF
  • Centros Comerciais Haley
     
Patrocina

Deputación da Coruña

Dirixido a

Centros educativos da provincia da Coruña

Descrición

Por quinto ano consecutivo, o CEIDA organizou o Congreso de Educación Ambiental dos centros de ensino da Coruña “Espazos para conservar. Defendamos o noso patrimonio natural”, no que participaron 4 centros de ensino e contou con 82 participantes. A Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña, o Concello de Oleiros, o Instituto Jane Goodall, UNICEF e os Centros Comerciais Haley foron as entidades colaboradoras nesta quinta edición.

O escenario escollido para a celebración do congreso o 2 de xuño de 2011 foi o Castelo de Santa Cruz, sede do CEIDA. A xornada arrancou co acto inaugural a cargo de D. Carlos Vales Vázquez - Director do CEIDA.

Durante a xornada matinal os protagonistas indiscutibles do congreso, os rapaces e rapazas dos catro centros participantes, expuxeron os proxectos de posta en valor do patrimonio natural galego desenvolvidos ao longo do curso 2010-2011, converténdose así  nos voceiros da realidade ambiental do seu ámbito máis próximo.

Trala exposición oral dos traballos, a responsable de sensibilización de UNICEF Galicia, Marta Andrade Blanco presentou “Gotas para Níxer”, programa que esta organización internacional esta a desenvolver cos centros de ensino para apoiar a supervivencia infantil en Níxer.

Nos xardíns do Castelo de Santa Cruz celebrouse o xantar, onde os participantes degustar conservas de peixes e moluscos grazas a campaña  “Ponlle as pilas ao teu bocata” impulsada pola Consellería do Mar, en colaboración coas consellerías de Educación e Sanidade, e ANFACO-CECOPESA, co fin de fomentar entre os máis novos o consumo de conservas de produtos do mar.

A xornada da tarde comezou cunha pequena presentación do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Santa Cruz (Oleiros), a cargo do seu director, Juan Sánchez Tembleque. Para rematar o día, os participantes trasladáronse ata as instalacións para coñelas in situ, a través dunha visita guiada dirixida polo director e polo veterinario do centro. As piscinas, as gaiolas de voo, a clínica, a área de petroleadas,... foron algunhas das zonas visitadas.

Centros participantes
  • Estudos sobre avifauna e contaminación na ría do Burgo. IES Xosé Neira Vilas (Oleiros)

A proximidade da Ría do Burgo ao IES Neira Vilas permitiu que, dende fai varios anos, o alumnado deste centro estude distintos aspectos deste humidal: diversidade ornitolóxica, o seu aproveitamento marisqueiro e furtivismo, rexeneración, xestión de residuos na ría, estado de conservación,... No curso 2010-2011 fixeron un estudo das migracións da avifauna desta ría así como un seguimento da contaminación a través de analíticas de auga, e amosaron os resultados das demandas realizadas ás autoridades estatais, autonómicas e locais, no curso anterior, para acadar que o humidal da ría do Burgo teña unha figura de protección como “Espazo Natural de Interese Local”

 

  • O monte Pindo: o lugar da lenda. IES Maximino Romero de Lema (Baio – Zas)

Varias asociacións ecoloxistas e grupos políticos están a propoñer o emblemático monte Pindo, no concello de Carnota, como o primeiro parque natural da Costa da Morte. Este proxecto pretende un achegamento do alumnado a este espazo natural para coñecer os valores que o farían merecedor desta figura de protección.

 

  • Mergullando na Biodiversidade. IES de Ponteceso (Ponteceso)

A ría de Corme-Laxe, no concello de Ponteceso, é un espazo natural cunha importante riqueza paisaxística e ecolóxica, a cal serve ademais de motor económico da comarca, xa que a pesca e o marisqueo son unha importante fonte de riqueza nos concellos que abrangue este espazo natural. Este proxecto ten como obxectivo dar a coñecer ao alumnado os valores ecolóxicos e económicos do litoral do seu contorno os seus problemas e as alternativas ás explotacións máis daniñas.

 

  • Poñendo os pés na terra. IES Agra de Leborís (A Laracha)

O 1 de xaneiro 1950, Salvador Parga Pondal escribía o último folio de Comarca Natural de Bergantiños. Esta obra serve de punto de partida para realizar unha análise crítica sobre a evolución da relación do ser humano co medio no noso entorno inmediato durante o último medio século. Aproximarse ao ecosistema agrario tradicional, realizar comparacións cos modos de produción actuais e coñecer as alternativas máis respectuosas co medio natural, valorando a agrodiversidade é o eixo vertebrador deste traballo.

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas