• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Áves Ártabras: Bases Participativas para a Definición dunha ZEPA no Golfo Ártabro

Vostede está aquí

Aves Artabras

Este proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica a través do Programa Pleamar da FEMP
                                        

Descrición xeral do proxecto

O Golfo Ártabro constitúe un espazo mariño conformado pola confluencia das rías de A Coruña, Ares, Betanzos e Ferrol, cunha extensión mariña de 155 km2 e 16 concellos litorais, cunha  poboación superior ao medio millón de habitantes. Neste espazo litoral e mariño desenvólvese unha importante actividade nos  ámbitos marítimo, náutico, industrial, pesqueiro e turístico. Así, neste territorio conflúen dous portos de interese xeral (A Coruña e Ferrol), dous macroportos exteriores industriais xeradores de tráficos industriais e petroleiros (Punta Langosteira-A Coruña e Prioriño-Ferrol), trece portos pesqueiros con dez confrarías de pescadores, catro portos deportivos e unha poboación que se duplica durante o verán atraída polo turismo. Ademáis, a zona marítima contigua ao Golfo Ártabro forma parte do Corredor Marítimo de Fisterra, atravesado anualmente por máis de 40.000 grandes embarcacións.

Toda esta actividade económica convive cunha enorme biodiversidade que aporta ao Golfo Ártabro unha elevada importancia na dimensión ambiental:

- Alberga o 10-15% da poboación reprodutora galega de corvo mariño cristado, especie incluida no Catálogo Galego de Especies Amenazadas  e  En Perigo a nivel estatal según criterios IUCN.
- Alberga unha colonia reprodutora de paíño europeo, especie incluida  no  Anexo I da Directiva Aves.
- Presenta concentracións estivais significativas de pardela balear, especie prioritaria e considerada a ave mariña máis ameazada de Europa.
- Sitúase no corredor migratorio cántabro-atlántico, atravesado nos pasos migratorios por máis dun millón de aves mariñas de diversas especies, moitas delas protexidas, ameazadas e incluidas na Directiva Aves.

Moitas das especies citadas son consideradas especies obxectivo para a declaración de IBAs (Important Bird Area). Non obstante, este espazo mariño non está dotado na actualidade de ningunha figura de protección. Se ben están incluidos en Natura 2000 os cantís ocupados por corvo mariño cristado, non o están así o resto de colonias de cría (paíño europeo) nin o tramo mariño ocupado por estas especies e outras como a prioritaria pardela balear.

Neste contexto, con este proxecto o CEIDA pretende avanzar na potencial protección deste espazo mariño a través dun proceso participativo xurdido dende o propio territorio, coa implicación de todos os axentes e sectores con intereses públicos ou privados.

Período de execución

1 xaneiro - 31 decembro 2019

Accións a desenvolver
  • Identificación e diagnose das poboacións de aves mariñas do Golfo Ártabro, impactos e ameazas: co fin de identificar os potenciais valores ornitolóxicos do territorio, realizaránse as seguintes accións:
    • Recompilación da información científica existente ao respecto a través do Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga do CEIDA.
    • Traballos de campo levados a cabo por biólogos especialistas, para o censo das poboacións reprodutoras, invernantes e migrantes de aves mariñas no Golfo Ártabro e o seu uso do espazo ao longo do ciclo anual, con especial atención ás especies obxectivo de conservación.
    • Análise dos potenciais impactos e ameazas existentes no territorio, a través de:
      • Seminario con expertos en distintas materias   (contaminación mariña, captura accidental, ecoloxía, uso público, etc) que incorporará unha actividade participativa aberta a toda a cidadanía.
      • Grupos de traballo sectoriais para coñecer a nivel de detalle a súa  visión sobre estas amenazas e impactos.
  • Elaboración dun proceso participativo para a definición das bases para a creación dunha potencial ZEPA no Golfo Ártabro. As accións a desenvolver son: 
    • Obradoiros participativos sectoriais (ONG, admon. e entidades locais e cidadás, admon. ambiental, admon. sector pesca, sector pesqueiro, pesca recreativa, organizacións académicas, sector turístico).
    • Proceso participativo online aberto a toda a cidadanía e a todo tipo de entidades.
    • Obradoiro participativo conxunto, con representación de todos os axentes e sectores co obxectivo de alcanzar unhas conclusións conxuntas.
  • Elaboración do documento "Bases para a declaración dunha ZEPA no  Golfo Ártabro", resultado dos traballos de inventariado e descrición científica das poboacións de aves mariñas, e do proceso participativo.
  • Comunicación da campaña: redes sociais, páxina web, notas de prensa, programas de radio ou comunicacións a medios.

 

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas