• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental e fomentar a lectura verde

Un Bosque de Segredos (Programa Mundos Agochados)

Vostede está aquí

Un Bosque de Segredos (Programa Mundos Agochados)
Organiza

CEIDA

Programa 'Mundos agochados. Natureza, Ciencia e Cultura arredor de nós'

A actividade UN BOSQUE DE SEGREDOS forma parte do programa de educación ambiental MUNDOS AGOCHADOS, que pretende achegar a natureza de proximidade ás contornas urbanas, promovendo o seu coñecemento, valoración e conservación. A través de diferentes hábitats —beiramares, rías, bosques e xardíns— propón descubrir a biodiversidade que nos rodea.

Está composto por sete actividades que combinan ciencia, cultura e educación ambiental en formatos diversos, desde percorridos guiados ata xogos colectivos. Tamén a literatura e a tradición oral como ferramentas para explorar a nosa relación coa natureza forman parte do mesmo. Un programa para comprender os grandes desafíos ambientais desde o local e gozar dos «mundos agochados» que existen ao noso redor.

UN BOSQUE DE SEGREDOS. Descrición da actividade

O Bosque dos Veciños, no Concello de Oleiros, ofrécenos unha experiencia marabillosa de achegamento aos soutos e ás especies forestais. Percorreremos o que se podería xa denominar hoxe como un refuxio climático natural ata o Pazo de Lóngora onde remataremos cun contacontos e cunha actividade de fomento da lectura científica e de natureza.

No sendeiro observaremos, descubriremos e aprenderemos sobre a importancia dos soutos en Galicia, a súa relevancia histórica e social, e os usos que na actualidade se fan deles. Este souto que medrou como experimento para as hibridacións que deron solución á enfermidade da tinta nos castañeiros, serviranos como recuncho forestal onde aprenderemos as principais especies de árbores autóctonas galegas e achegarémonos á fauna que viven nelas.

O sendeiro levaranos ata o Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga, a biblioteca verde do CEIDA, onde desenvolveremos actividades de animación e fomento da lectura.

Obxectivos
  • Ofrecer unha experiencia divertida de inmersión coa natureza para lograr a fascinación polos soutos e bosques dos máis pequenos e pequenas, a través da exploración libre e guiada.
  • Estimular a curiosidade e coñecemento da biodiversidade, aprendendo a identificar as principais características das árbores máis frecuentes presentes nos bosques galegos así como algunhas especies de aves e mamíferos.
  • Coñecer e poñer en práctica diversas habilidades e boas prácticas para a observación da natureza.
  • Transmitir valores de conservación e sostibilidade ambiental, comprendendo a importancia de coidar e protexer os espazos naturais próximos.
  • Fomentar a lectura cientifica a través do contacto con literatura infantil de natureza.
DIRIXIDO A

Alumnas e alumnos de Ensino Primario de todos os centros educativos de Galicia.

Duración da actividade

2h, 2h-30 min.

Período de realización

Abril-xuño 2027

Lugar

Esta actividade realizarase no Bosque dos Veciños (Oleiros), e rematará no Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga (Pazo de Lóngora, Oleiros).

solicitudes

As solicitudes realizaranse a través do formulario.

Máis información sobre este programa:  [email protected]  -  981 630 618

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
[email protected]

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio