• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental e fomentar a lectura verde

Canta cuco, canta cuco: a natureza galega a través do cancioneiro tradicional (Programa Mundos Agochados)

Vostede está aquí

Canta cuco, canta cuco: a natureza galega a través do cancioneiro tradicional (Programa Mundos Agochados)
Organiza

CEIDA

Programa 'Mundos agochados. Natureza, Ciencia e Cultura arredor de nós'

A actividade CANTA CUCO forma parte do programa de educación ambiental MUNDOS AGOCHADOS, que pretende achegar a natureza de proximidade ás contornas urbanas, promovendo o seu coñecemento, valoración e conservación. A través de diferentes hábitats —beiramares, rías, bosques e xardíns— propón descubrir a biodiversidade que nos rodea.

Está composto por sete actividades que combinan ciencia, cultura e educación ambiental en formatos diversos, desde percorridos guiados ata xogos colectivos. Tamén a literatura e a tradición oral como ferramentas para explorar a nosa relación coa natureza forman parte do mesmo. Un programa para comprender os grandes desafíos ambientais desde o local e gozar dos «mundos agochados» que existen ao noso redor.

Canta cuco. Descrición da actividade

En Canta Cuco propoñemos un achegamento lúdico e divulgativo á natureza e ao medio ambiente de Galicia utilizando como fío condutor a poesía e a música oral tradicional (o cancioneiro galego).

Nesta actividade vincularemos o noso o patrimonio cultural inmaterial (coplas, cancións populares, refráns) coa biodiversidade, as paisaxes e a etnografía galega, amosando como a natureza estivo sempre moi presente na nosa cultura popular. Coñeceremos moitas especies que nos rodean, analizaremos cal era a relación con elas a través das cualidades coas que quedaron reflictidas na nosa tradición oral e compararemos co coñecemento e coas especies coas que nos relacionamos hoxe.

Actividade de educación ambiental deseñada para transversalizar coas áreas de música, artes escénicas, literatura galega, clubes de lectura, etc.

Obxectivos
  • Coñecer aspectos vinculados coa música e poesía de tradición oral galega e nomeadamente do fondo Schubarth-Santamarina, depositado no Arquivo do Patrimonio Oral e Inmaterial (APOI) do Museo do Pobo Galego: contexto social e demográfico das recollidas,  achegamento ao contido, e emprego posterior do mesmo.
  • Identificar que especies son máis frecuentes na poesía de tradición oral: cales son, onde viven e que relación tiñamos con elas.
  • Reflexionar sobre o coñecemento actual das diferentes especies e hábitats máis citados no cancioneiro, sobre o seu estado de distribución e conservación, e sobre como mudou a nosa relación con elas.
  • Coñecer pequenas intervencións de infraestrutura verde susceptible de incorporar en contornas urbanas ou semiurbanas que favorecerían un maior contacto coa natureza na sociedade urbana actual.
  • Escoitar, cantar e tocar algunhas destas melodías e, reflexionar sobre que natureza estaría presente hoxe se creásemos novas cantigas: con que especies nos relacionamos, que cualidades teñen para nós....e se cadra, lanzarnos a compoñelas.
Dirixido a

Alumnas e alumnos de Educación Primaria (3º -6ª) de todos os centros educativos de Galicia.

Duración da actividade

1h.30 min.

Período de realización

Xaneiro-xuño 2027

Lugar

Desenvolverase no Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga, a biblioteca verde do CEIDA, con sede no Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros).

Solicitudes

As solicitudes realizaranse a través do formulario.
Máis información sobre este programa:  [email protected]  -  981 630 618

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
[email protected]

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio