• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Afronta o Reto: Loita contra a Emerxencia Climática (Programa Para unha Transición Ecolóxica)

Vostede está aquí

Afronta o Reto: Loita contra a Emerxencia Climática
Organiza
  • CEIDA
  • Deputación da Coruña
Obxectivo xeral

A emerxencia climática é probablemente un dos maiores retos ao que nos temos que enfrontar. Xa estamos a comprobar como se están a cumprir os peores escenarios previstos hai tempo por investigadores e expertos. En xaneiro de 2020 o goberno declarou a emerxencia climática e ambiental, en resposta ó consenso da comunidade científica, a cal reclama accións urxentes para salvagardar o medio ambiente. Pese a isto, a sensación é que a cidadanía continúa allea a este problema e non estamos a mudar nin os nosos hábitos e moito menos os nosos comportamentos.

O programa “Para unha Transición Ecolóxica”, desenvolvido co apoio da Deputación da Coruña, pretende sensibilizar sobre o futuro que nos agarda de non combater a emerxencia climática, e concienciar dende os centros escolares; posto que a comunidade escolar non está formada só por nenas e nenos, senón tamén por pais, profesorado, persoal non docente, etc. Isto ofrece a oportunidade de converterse en laboratorios de posta en marcha de novas medidas de sustentabilidade e cooperación.

Obxectivos específicos
  • Entender as problemáticas das cales deriva a emerxencia climática e como esta nos afecta.
  • Dar a coñecer os escenarios futuros nos que nos poderiamos atopar de non comezar a actuar de contado.
  • Coñecer as ferramentas que posuímos para mitigalo e revertelo individualmente e como sociedade.
Dirixido a

Alumnas e alumnos de último ciclo de Educación Primaria (5º e 6º) e alumnado de todos os ciclos de Educación Secundaria Obrigatoria (1º-4º ESO), Bacharelato e Formación Profesional de toda a   provincia da Coruña.

Para os centros educativos de fóra da provincia da Coruña, consultar as condicións e disponibilidade co equipo educativo do CEIDA:   educacion@ceida.org

Actividades

As actividades dirixidas aos escolares pretenden, co uso de metodoloxías activas, provocar a aprendizaxe vivencial e contextualizada, onde a parte construtiva e emocional ten unha grande importancia; non se trata dunha mera transmisión de coñecementos. Con este fin, utilízanse ferramentas para a reflexión e a innovación educativa relacionadas co estudo do medio ambiente e da contorna natural.

As actividades educativas destinadas aos centros educativos están vinculadas ó currículo escolar, polo que é convinte organizar a actividade previamente cos/coas profesores/as e completala con accións previas e posteriores na aula.

O programa inclúe dúas sesións coas seguintes actividades:

  • Primeira sesión:
    • Actividade no centro educativo sobre a problemática da emerxencia climática. Presentación breve onde se expón de maneira sinxela e amena as causas e consecuencias do cambio climático, as súas evidencias en Galicia, adquirir conciencia do noso impacto persoal e como podemos adaptarnos ou tentar mitigar os seus efectos.
    • Duración: 50 minutos.
  • Segunda sesión:
    • Obradoiro sobre a pegada ecolóxica, onde cada alumno/a calculará a súa pegada mediante un sinxelo test onde recollerán datos sobre a súa vida cotiá,  farase un debate en base aos resultados obtidos por cada un e poñerase en valor a importancia de minimizala.
    • Duración: 50 minutos.
Contidos
  • Todo está conectado:
    • A terra é un enorme invernadoiro, que é o cambio climático?
    • Clima e medio ambiente van da man.
    • O equilibrio do planeta está roto.
  • A Terra quéntase cada vez máis:
    • Na escala temporal do planeta, isto comezou "onte".
    • A cantidade de gases de efecto invernadoiro é alarmante.
    • Vai máis calor ca nunca.
  • Pero... que causa este efecto invernadoiro que nos leva a que o clima mude?
  • As consecuencias dunha terra máis quente e contaminada:
    • Vento, tormentas, furacáns e cidades – asador.
    • Desaparición de especies, escaseza de alimentos... disto fálase pouco!
  • E en Galicia... aféctanos?
    • Evidencias de que as cousas non van ben. Que impactos podería ter isto? Corrubedo desaparecería...
    • Predicións climáticas: na nosa man está coller o bo camiño.
  • Ás persoas tamén nos afecta.
  • Cada minuto perde o planeta.
    • Cambio climático + degradación de ecosistemas  + sobreexplotación + ... + ... + ... = Emerxencia climática.
  • Que podemos facer para mitigalo?
    • Non nos poñamos escusas!
    • Está en xogo o noso benestar.
    • Que podes facer ti? Precisamos un cambio social.
Período de realización e custo da actividade
  • As actividades desenvolveranse durante o curso escolar 2023-2024.
  • A realización das mesmas é gratuita para todos os centros educativos, agás os gastos de transporte que corren a cargo do centro solicitante.
Material complementario
  • Exposición itinerante "Emerxencia climática, feitos e datos” + unidade didáctica asociada á mesma, dispoñible en préstamo.  Máis información
  • Guía de Recursos Educativos sobre Emerxencia climática, elaborada pola Biblioteca e Centro de Documentación Ambiental do CEIDA, xunto á Rede de Centros de Información e Documentación Ambiental de todo o estado (RECIDA), que inclúe recursos dispoñibles en formato físico que se atopan en préstamo no centro e materiais electrónicos que se poden descargar directamente dende a Rede.   Descargar guía
Solicitudes
  • As solicitudes realizaranse a través do formulario.
  • Máis información sobre este programa:  educacion@ceida.org  -  981 630 618

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio